“Coruña wapa”

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes sorpréndese ao comprobar que o concello pretenda destinar 180.000€ nunha concesión para xestionar a vindeira feira de oportunidades “Coruña Wapa” coa escusa de favorecer o street marketing e, segundo a Concellaría de Emprego e Empresa “reforzar la imagen de A Coruña como ciudad de Vanguardia”.

Esquerda Unida considera un despropósito destinar este montante de cartos na organización nun pretencioso feirón con glamour cando o prioritario é buscarlle saídas a espazos baleiros e sen actividade, como é o caso do mercado de San Agustín.

Esquerda Unida aposta por crear no mercado de San Agustín unha sorte de viveiro para o pequeno comercio. A proposta implicaría facer deste Mercado un lugar aberto a novas iniciativas comerciais que polo momento non posúen locais para a súa difusión, a través de alugueres económicos, fomentando o seu traballo en rede e estimulando iniciativas para mellorar a dinamización deste espazo, achegando así un novo público que beneficiaría aos postos xa existentes.

O investimento destes cartos neste tipo de actuacións si que dinamizarían a actividade comercial e emprendedora e, xa que logo, traerían un retorno económico a cidade e xerarían emprego, ademais de devolver a actividade ao mercado municipal, dun xeito semellante ao que está a acontecer no mercado de Lugo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “dar cabida por exemplo á feira “Made in Galicia” ao longo de todo o ano, constituiría unha interesante conxugación entre artesanía, gastronomía e produtos agrícolas e do mar nun espazo tan atractivo como o é este mercado proxectado polo tándem Tenreiro-Rey Pedreira”.

Relacionados