“Pucheirazo” de representación

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexeita o ‘pucherazo’ que o Partido Popular pretende sacar adiante no Parlamento de Galicia a través da redución de deputados que o único que persegue é manter o bipartidismo e a súa posición electoral xa que son conscientes da importante perda de votos que está a ter o seu partido. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, amosou o seu total rexeitamento a manobra impulsada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o seu partido que “están a facer todo o contrario do que se debería facer coa lei electoral”. “A única reforma electoral que precisa Galicia é a que abunde na proporcionalidade dos votos, hoxe inexistente, e no camiño da erradicación ou eliminación da barreira legal do 5 por cento establecida na actual norma” sinalou a viceportavoz do grupo parlamentar de AGE.

A deputada Consuelo Martínez pola súa banda lamentou que o Partido Popular estea máis preocupado en manter a súa posición electoral buscando xustificacións irreais no aforro económico que suporá a redución de deputados en lugar de loitar por exemplo contra a fraude fiscal o que si suporía uns importantísimos ingresos para as arcas públicas. “O único que persegue a proposta do PP é manter o bipartidismo e impedir que o acceso de forzas políticas máis pequenas xa que son conscientes da importante perda de apoio que o PP está a ter na rúa” afirmou Consuelo Martínez.

Relacionados