Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) estará presente na manifestación nacional convocada pola Plataforma Queremos Galego para este domingo, 27 de xaneiro, con saída na Alameda de Santiago de Compostela.
Ademais, o grupo parlamentario de AGE súmase á esixencia de derrogación do decreto que reduciu a presenza do galego nas aulas e que foi imposto polo Goberno do PP coa oposición da comunidade educativa, dos sindicatos e dos demais partidos políticos. Mesmo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) impugnou a consulta aos pais sobre o idioma que se debía usar nas aulas. O galego precisa un estatus de igualdade respecto do castelán, e non ser vítima do proceso de analfabetización ao que a Xunta, coa súa política lingüística, está sometendo ao pobo galego.