Esquerda Unida denuncia que a quinta fase de renovación do paseo podería realizarse mediante un obradoiro de emprego, en lugar de limitarse a contratar a promotoras. Semella necesario converter as actuacións municipais en oportunidades para os coruñeses e coruñesas, a creación dun obradoiro de emprego non so permitiría capacitar a persoas desempregadas, senón que se lles brindaría unha posibilidade de achegar cartos ás castigadas economías familiares que disporían de máis recursos o que incentivaría o consumo interno, axudando a reactivar a economía local.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que mediante plans de emprego e formación os veciños asuman os traballos que o concello concede a empresas privadas. A pesar da preocupante situación de desemprego o goberno de Carlos Negreira mantén a súa política de beneficiar a multinacionais e grandes promotoras mediante a contratación polo pouco ético procedemento negociado, en lugar de buscar solucións alternativas que beneficien á maioría social agredida, transformando gastos innecesarios en investimento social que mellore a cidade e mellore as oportunidades laborais da veciñanza.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “hai outra forma de facer política, cando hai veciños en paro os traballos municipais non poden caer en mans de multinacionais. Trátase de vontade, nós apostamos pola maioría social coruñesa mediante de obradoiros de emprego, o PP polas grandes empresas a través de contratacións por procedemento negociado”.
César Santiso subliñou que “con este tipo de iniciativas o concello pode converter gastos inoportunos nestes momentos de crise, en investimento social que incida positivamente na economía coruñesa, en lugar de agasallar con cartos a grandes empresas que en contadas ocasións invisten os seus beneficios na Coruña. Non cabe dúbida que os cartos que reciben os coruñeses e coruñesas participantes nun obradoiro de emprego local, reverten integramente na economía da cidade, pechando así o ciclo económico local”.