Rajoy dimisión

Santiago de Compostela, 1 agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) asegura que o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, non dispón da credibilidade suficiente como para continuar no seu cargo tras a súa comparecencia esta mañá na que recorreu á estratexia de negar as evidencias ante os feitos e as graves acusacións realizadas polo ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas.

“A comparecencia de Rajoy deixou claro que o debate só serviu para orquestrar un bipartidismo de acusacións e citas de hemeroteca” sinalou o deputado de AGE, Xabier Ron, quen sinalou que “Rajoy empregou a estratexia de mesturar a economía e o desemprego coa corrupción de Bárcenas, anticipando datos que se coñecerían seguramente mañá e anunciando futuras e sempre etéreas medidas dun Plan de Rexeneración Democrática co único obxectivo de enmascarar o seu fracaso como presidente”. En toda a súa comparecencia Mariano Rajoy limitouse a lanzar balóns fóra e a estender dúbidas sobre a ética das restantes forzas políticas, tal como cando manifesta que existiron remuneracións complementarias no PP “como en todas partes” a modo de argumento de defensa absurdo e indecente xa que “non todos somos iguais por fortuna ao PP”.

Igualmente, o presidente do Estado nun intento desesperado por defenderse aludíu a “axudas valiosísimas” que tería recibido Bárcenas sen clarexar se se refería ao PSOE ou ao propio PP. Rajoy non asumiu ningunha responsabilidade política e non abonda con recoñecer que se equivocou xa que detrás das acusacións de Bárcenas hai moito máis ca uns sobresoldos non fiscalizados, senón a procedencia dese diñeiro, achegado a través de doazóns ilegais de grandes empresarios que logo se viron beneficiados con suculentos contratos coa administración pública.

“Todos os seus argumentos á hora de definir a súa relación con Bárcenas soaron a falsidade, sobre todo se un considera as múltiples evidencias que amosan unha relación estreita entre Rajoy e Bárcenas, e as comunicacións que mantivo con Bárcenas, mesmo despois de coñecerse que ten contas bancarias en Suiza” explicou o deputado Xabier Ron que concluíu afirmando que “só cabe pensar que Bárcenas muda de actitude cando Rajoy incumpre o pacto de silencio ao que chegaran entre ambos”.

Rajoy esta mañá quixo defender o indefendible. Alternativa Galega de Esquerda considera inaceptable que o PP trate de diluír 20 anos de colaboración con Bárcenas dicindo que foi un simple equívoco xa que “está en xogo o financiamento do PP das dúas últimas décadas co que implica de trampas nas contendas electorais e na compravenda de favores co mundo da empresa”.

Por todo isto, para Alternativa Galega de Esquerda o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy non ten a credibilidade necesaria para ocupar este cargo e ten que asumir responsabilidades políticas que pasan por dimitir e convocar eleccións anticipadas para que o pobo sexa quen de se expresar.

Relacionados