Ramón Vázquez denuncia o peche de escolas rurais

Trece escolas, 82 aulas e 122 prazas de profesorado desaparecerán do rural no vindeiro curso. Eses son os datos que onte publicaba o Diario Oficial de Galicia na orde de catálogos de educación infantil e primaria. “Estes son datos tremendamente graves”, denunciou o deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida Ramón Vázquez, quen lembrou o “balanzo aterrador” dos seis anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo no que respecta ao ensino no rural: 532 aulas e 103 escolas eliminadas.

Para o curso 2015-2016, o alumnado galego e os pais e nais atoparanse cunha nova redución de medios na educación pública.

-Na provincia da Coruña pechan sete escolas, en Cambre, Fene, Lousame, Ordes, Oleiros, Ortigueira e Paderne. Haberá 19 aulas de educación infantil menos, 14 menos de primaria e 50 profesores e profesoras menos.

-Na de Lugo, pechan escolas en Doiras (Cervantes) e Ourol. Haberá tres aulas de educación infantil menos, unha menos de educación primaria, tres menos de educación especial e eliminaranse 9 profesores e profesoras.

-Na de Ourense, pecha a escola de Calvos de Randín e desaparecen seis aulas de educación infantil, seis de primaria e 20 prazas de profesorado.

 

-Na de Pontevedra, pechan escolas nas Neves, en Poio e en Vilagarcía de Arousa. Dezasete aulas menos en educación infantil, 13 en primaria e 43 profesoras e profesores menos.

Relacionados