Ramón Vázquez e Javier Couso rexistran no Parlamento Europeo unha petición para investigar o posible uso fraudulento de Fondos de Cohesión, por parte da Xunta de Galicia, en Rozas

O deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Ramón Vázquez, xunto ao eurodeputado de Izquierda Unida Javier Couso, rexistraron esta mañá venres na comisión de Peticións do Parlamento Europeo un escrito solicitando unha investigación sobre o posible uso fraudulento de fondos europeos no Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR) que o Ministerio de Defensa ten en Rozas, Castro de Rei.

Na súa petición, Vázquez sinala que “o Goberno da Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijóo, usando fondos FEDER, vai investir máis de 50 millóns de euros para o desenvolvemento, en teoría, de drones, a priori, de uso civil”. E continúa: “Nós sabemos que iso non é así e que se está a aproveitar de maneira cínica da man de empresas do sector. Entre estas está Cassidian, do conglomerado Airbus, que desenvolveu alí o seu proxecto Atlante. Tamén o propio Ministerio de Defensa probou alí os drons Searcher II antes das manobras da OTAN realizadas en Zaragoza, antesala das que terán lugar estes días en Polonia”.

Por tanto, ao seu xuízo, “o que sucede en Rozas é unha ocultación de información, un emprego fraudulento de diñeiro público é, sobre todo, un engano á cidadanía”, sintetiza o deputado galego.

Pola súa banda, Couso, que é membro da subcomisión de Seguridade e Defensa da Eurocámara, e que visitou xunto a Vázquez a base de Rozas a principios desta semana, esixiu a Bruxelas que se abra unha investigación para aclarar o que está a suceder.

“Durante a visita ao CIAR, onde ao principio denegóuseme o acceso, non se despexaron para nada as dúbidas que temos con respecto ao uso que se lle dá á base. Máis ben o contrario”, afirmou.

Couso tamén explicou que “os fondos FEDER son un tema moi serio e a lexislación europea prohibe explicitamente que se destinen a fins militares”. Nesta liña, incidiu en que “cando os fondos europeos úsanse mal, investígase e actúase, así que ben lle vale á Xunta e ao Ministerio non equivocarse ou non tratar de enganar á cidadanía co diñeiro dos europeos”.

Relacionados