Ramón Vázquez esixe a paralización inmediata das reválidas e advirte á Xunta que das manter estará a caer nunha “temeridade pedagóxica”

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe a inmediata paralización das reválidas por parte da Xunta de Galicia. O deputado de AGE e membro da dirección de EU, Ramón Vázquez, lamentou que unha vez máis o Goberno galego aposte por defender unhas probas cuxa única finalidade é establecer rankings entre os centros educativos de todo o Estado pero carente do máis mínimo sentido pedagóxico.

Ao mesmo tempo, Ramón Vázquez salientou o feito de que Galicia está a quedar soa na realización destas probas xa que na última reunión convocada polo Ministerio de Educación ás distintas comunidades autónomas para falar das revalidas e a súa realización, unicamente foron 5 as comunidades que asistiron ao encontro Galicia entre elas e todas gobernadas polo PP, fronte ás 11 que optaron por non asistir.

Deste xeito o 72 por cento do alumnado total de 3º e 6º de primaria ao que se lle está a impor este tipo de probas, non participará das mesmas. Así, dos 930.000 alumnos aos que lle correspondería facer esta proba, só 250.000 estarían convocados pertencentes a estas 5 comunidades. Este dato invalida polo tanto a xustificación aportada polo Partido Popular cando di que se realizan para establecer indicadores comúns que permitan avaliar a situación educativa tal e como explicou o deputado.

Relacionados