Reactivar o agro na bisbarra

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes solicita ao Goberno municipal que tome exemplo da comarca de Betanzos e aproveite a riqueza natural da terra da nosa bisbarra para xerar emprego.

 

Na Comarca de Mariñas – Betanzos, o grupo de Desenvolvemento Rural, a través do programa Agroemprega, puxo en marcha a formación en prácticas de 75 persoas desempregadas, para que poidan converterse en pequenos produtores agrícolas. Logo de cumprirse o período de prácticas Mariñas Betanzos encargarase de buscar terras abandonadas ou sen substitución xeracional para que poidan levar adiante o seu traballo de produción e comercialización.

 

Esquerda Unida propón que o Concello coruñés lidere un plan para reactivar o agro na bisbarra e permitir así un traballo digno a moitas persoas desempregadas, que na actualidade son cerca de 23.500 cun índice de desemprego que se incrementou en máis do 17% dende a chegada ao goberno municipal do PP fai un ano, ao tempo de encamiñarnos cara a asegurar a soberanía alimentaria coruñesa xa que o índice de persoas en risco de exclusión social na nosa cidade avanza cara o 20%.

 

O devandito plan tería como misión principal habilitar un banco de terras mediante convenios con produtores, cooperativas agrarias e donos de fincas da bisbarra e favorecer a creación de cooperativas de persoas desempregadas cuxa actividade sexa a agricultura ecolóxica, as cales recibirían soporte técnico e formación para desenvolver unha agricultura menos dependente do petróleo, así como artellar redes alternativas de distribución e comercialización que aseguren un prezo digno tanto para consumidores finais como para labregos e labregas á vez que incorporen valor engadido aos produtos mediante a xestión dunha denominación de orixe e/ou selo de calidade.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “con esta medida pretendemos crear un nova vía que axude a reactivación económica e a xeración de emprego mediante a recuperación da riqueza agraria do campo galego que na actualidade atópase infrautilizado, porque é unha magoa que haxa xente pasando fame e sufrindo a impotencia de non poder traballar cando a meirande parte das fincas da bisbarra coruñesa atópanse improdutivas.

Relacionados