Readmisión Conservas Alonso

A viceportavoz Yolanda Díaz e a deputada Consuelo Martínez participarán na manifestación que terá lugar hoxe ás 19.30 horas e que partirá da praza do Concello de Bueu

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia as reivindicacións dos traballadores e traballadoras despedidas pola empresa Conservas Alonso de xeito inxusto e nun proceso cheo de irregularidades. Así mesmo, o grupo parlamentar esixiu a inmediata actuación da Xunta de Galicia con conflito con esta empresa que lembra é receptora de cuantiosas axudas públicas por parte do goberno galego.

Unha vez máis o grupo parlamentar de AGE ten que denunciar un novo episodio de destrución de emprego e de desaproveitamento das axudas públicas da Xunta de Galicia. Todo elo entre o desleixo e a indiferenza da Xunta de Galicia, decidida a deixar Galicia sen industria e sen postos de traballo. A empresa despide con nocturnidade e aleivosía a seis persoas, logo de practicar  un ERE de case un ano, tralo incendio na fábrica acaecido no mes de agosto do ano 2012. ERE que aparellaba o compromiso da empresa de non efectuar despedimentos, os cales se cobran a persoas con moitos anos de antigüidade na empresa. Despedimentos cheos de irregularidades, no que atinxe aos preceptivos preavisos, as datas de remate da relación laboral, e non se lles proporcionou recibo da liquidación. Todo un manuel de boas prácticas emprendedoras capitalistas: da caste de colle os cartos públicos e corre no entanto despides. A empresa négase a toda negociación e de saída cóbrase o posto de traballo de seis traballadores e traballadoras, reféns dun conflito causado pola empresa  que xoga a sementar medo no equipo de persoal.

Ante esta situación, Alternativa Galega da Esquerda quere manifestar publicamente o seu apoio as demandas dos traballadores e traballadoras para retomar as negociacións e reverter os seis despedimentos de inmediato. Así mesmo, o grupo parlamentar reclama unha actitude enérxica do goberno galego, que puxo cartos públicos para lle dar pulo á empresa e pregunta qué xestións vai a realizar de urxencia para que a empresa Conservas Alonso, receptora de cuantiosas axudas públicas da Xunta, readmita aos traballadores e traballadoras despedidos sen motivo algún e nun procedemento cheo de irregularidades. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, e a deputada Consuelo Martínez acompañarán esta tarde aos traballadores e traballadoras na manifestación prevista ás 19.30 horas e que partirá da praza do Concello de Bueu.

Relacionados