Real Academia Galega

O grupo parlamentario reclama, ademais, que a RAG reciba o mesmo trato que as súas homólogas vasca e catalá e non dependa da vontade dos gobernos de quenda.

Santiago de Compostela, 10 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda ratifica a súa posición respecto ao orzamento da Real Academia Galega (RAG) e considera insuficiente que a Xunta aumente a partida destinada á institución dende os 287.265 previstos inicialmente até os 520.000 euros. Pero, sobre todo, esixe estabilidade para o financiamento da entidade. Tal e como consta na moción presentada polos deputados Xabier Ron e Yolanda Díaz o pasado 20 de decembro, non só é preciso e de xustiza que a Academia Galega reciba o mesmo trato que as academias das outras nacións do Estado español, senón tamén acadar un compromiso do Goberno galego para o financiamento plurianual da mesma. O obxectivo desta reclamación é garantir a continuidade das diferentes seccións da institución e dos seminarios de traballo, ademais de fixar as condicións laborais do cadro de investigadoras e investigadores e o resto do persoal.

Malia que co aumento anunciado onte pola Xunta, e sumado á achega do Goberno central, o orzamento da RAG para 2013 será de 861.000 euros, o correcto funcionamento da institución require, segundo a súa dirección, un millón de euros ao ano. As súas homólogas catalá, o Institut d’Estudis Catalans, e vasca, a Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzandia, obtiveron dos seus respectivos executivos en 2012 5.538.947 euros e 1.332.820 euros. “O que non pode ser é que a Real Academia Galega, a principal institución que vela pola lingua galega, teña que andar cada ano a mendigar o seu financiamento e dependa da vontade dos gobernos de quenda”, sinalou o parlamentario de AGE Xabier Ron. a mendigar o seu financiamento e dependa da vontade dos gobernos de quenda”, sinalou o parlamentario de AGE Xabier Ron.

 

Relacionados