Recorte 40% promoción económica

Esquerda Unida denuncia que Negreira investirá en 2014 un 40% menos para reactivar a economía e crear emprego que no ano 2011. Este grupo inclúe os programas de Comercio; Ordenación e Promoción Turística; Desenvolvemento Empresarial; e Sociedade da Información, por citar os máis destacados. Programas básicos para paliar os graves desequilibrios da economía local e xerar un marco de oportunidades que favoreza o emprego.

O grupo municipal Esquerda Unida – Os Verdes alerta de que o PP recortou 9 millóns nas actuacións de carácter económico, 600.000 € no fomento do emprego ou un millón para o pequeno comercio respecto ao 2011. O grupo de políticas de actuacións de carácter económico viu baixar a súa dotación orzamentaria de 27 millóns de euros no 2011 a 16 millóns no 2014, o fomento do emprego (programa 241) pasou de 3,1 millóns en 2011 a 2,5 en 2014, mentres que o programa 431 relativo ao comercio pasa de 3,2 millóns de euros no 2011 a 2,3 millóns no 2014. A pesar de que a Área de Emprego e Empresa está continuamente nas novas anunciando campañas de comercio, o Goberno municipal reduciu a inversión e non abordou ningún dos problemas de fondo do comercio dende que gañou a alcaldía, síntoma dun Goberno sen un plan económico viable e centrado en conseguir a reelección a base de foto e golpe de pandeireta.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “como se pode xerar emprego si se reduce o investimento para promover o tecido produtivo, afirmar publicamente que os orzamentos do 2014 céntranse no emprego é mentir descaradamente á cidadanía, a política de recortes en actuación económica de Negreira condena ao tecido empresarial local a desaparecer e ao conxunto da sociedade á precariedade laboral típica das economías dependentes de multinacionais. Esiximos unha utilización racional e social do orzamento do Concello para promover a reactivación económica a través do cambio do modelo produtivo e que se articulen solucións a longo prazo”.

Relacionados