Recorte de democracia

A intención de eliminar 1.143 concelleiros en Galicia é un atentado contra a democracia. As políticas antisociais aplicadas polo PP son ineficaces para dar unha resposta xusta e equitativa ás demandas da cidadanía, por iso Rajoy promove este recorte democrático que non representa ningunha solución.

O PP achaca que manter tantos representantes municipais resulta caro para as arcas públicas, cando a maioría dos cargos municipais non cobran pola súa labor. O que sí nos sae caro á cidadanía é a falta de control sobre aqueles que manexan cartos de dubidosa procedencia, véxase o caso Bárcenas e aqueles que defraudan millóns á facenda sen que dende o goberno de turno se tente, tan sequera, poñerlle freo.

A executiva nacional de Esquerda Unida defende o municipalismo como exemplo básico de democracia. A redución de concelleiros non é máis que unha estratexia orquestada dende o goberno central para privar á cidadanía de exercer os seus dereitos. Reducir representación municipal é unha consecuencia premeditada da asfixia económica á que están sometidos os concellos, aos que se somete a un deficit do 0,7% e ao que só poderán chegar a base de recortes en servizos públicos e emprego.

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, manifesta que “unha alternativa de financiamento municipal é a supresión de deputacións”. A democracia máis próxima á cidadanía é a que se exerce dende concellos. Polo tanto, son estas institucións democráticas, e non as deputacións, as que deberían contar con máis competencias e máis recursos económicos para poder facer política de abaixo a arriba. Toda redución económica e representativa nesta institución provoca unha limitación e expropiación de dereitos á cidadanía.

Por iso dende Esquerda Unida manifestamos a nosa postura contra a provocación do Partido Popular de querer reducir a democracia á base de recorte representativo nos concellos.

Relacionados