Recorte do 50% nos colexios

Esquerda Unida denuncia que Negreira recortou á metade a inversión nas instalacións dos colexios públicos da Coruña. O programa 321, código económico 63201, Obras de Reposición en colexios públicos, unha das poucas competencias innegables do Concello en educación, pasou de 959 mil euros en 2011 a menos da metade dende que goberna o Partido Popular (456 mil en 2012, 466 mil en 2013 e 471 mil en 2014). Resulta difícil imaxinar un maior ataque ao ensino público, gratuíto e universal, que recortes deste tipo.

Isto non é un feito illado, dende que goberna o Partido Popular no Concello o grupo de políticas de produción de bens públicos de carácter preferente viu baixar a súa dotación orzamentaria en 6 millóns de euros. Este grupo inclúe os programas de Hospitais, Servizos Asistenciais e Centros de Saúde; Accións Públicas Relativas á Saúde; Administración Xeral de Educación; Educación Preescolar e Primaria; Promoción e Fomento do deporte; ou Instalación deportivas, por citar os máis destacados.

O Grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reclama maior compromiso e recoñecemento institucional do ensino público como inversión rentable e creadora de riqueza. Reclamamos ao PP que defenda a escola pública e que recoñeza a labor dos traballadores e traballadoras que participan na educación, en particular do profesorado. A cidade precisa dunha inversión que favoreza a praxe democrática e participativa e o desenvolvemento das aptitudes que os estudantes poderán aportar en poucos anos á veciñanza. Cada euro invertido en educación da máis froitos a tódolos niveis que o euro invertido en festas e en obras financiadas a costa de traizoar os intereses da maioría.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “debemos investir en educación, na mellora das instalacións existentes e no desenvolvemento de novos espazos de escolas taller, encamiñadas a reactivar a economía local e xerar emprego”. Os centros de ensino xogan un papel fundamental no crecemento do potencial humano e é por iso que o Concello ten a tarefa fundamental de prover aos centros educativos públicos dos medios necesarios.

Relacionados