Esquerda Unida alerta dunha redución orzamentaria superior aos 11 millóns de euros nos programas municipais de vivenda, este recorte dos programas 152 de Vivenda e 153 de Acceso á Vivenda supoñen un 76% é unha nova demostración do marcado carácter antisocial do executivo de Negreira. Dende que o Partido Popular goberna no Concello os programas reduciron a súa consignación dos 16,7 millóns de 2010 ata os 5,6 do ano 2014. O Goberno local abandona aos coruñeses e coruñesas que están na rúa en lugar de intervir para mitigar as graves consecuencias sociais da penuria económica. Así funciona o PP, non so non actúa, como lle esiximos en numerosas ocasións, para tratar de abaratar o prezo do aluguer da vivenda na cidade, senón quee reduce drásticamente as políticas municipais para garantir o acceso, permitindo que Coruña se sitúe como unha das cidades con maior número de pisos baleiros por habitante. Oficialmente A Coruña conta con 19.000 vivendas baleiras.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o goberno local recorta 3 de 4 euros que o Concello destinaba a políticas sociais de acceso á vivenda. Esta falta de implicación, choca co afán inversor do goberno municipal en materia de ladrillo e formigón e o seu afán por defender intereses netamente ligados a promotoras urbanísticas e aos rendistas. Esta actitude pódese observar tanto na resposta aos desafiuzamentos, onde nega a súa capacidade para intervir, como ao non establecer recargos nas vivendas baleiras que incentiven a saída ao mercado do stock de vivenda e así permitir que a oferta axuste os prezos. A vivenda é unha necesidade, un dereito básico das persoas, non un mecanismo de especulación.
Dende EU expomos a necesidade dunha política de vivenda pública ao servizo da veciñanza. A necesidade de elaborar municipalmente unha política de vivenda social que non implique só a persoas migrantes, senón a toda poboación local vulnerable, para evitar o rexeite ou a competencia social e que, polo tanto, a vivenda sexa un factor de integración social.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a actuación de negreira priva á xuventude e ás familias con poucos recursos do dereito constitucional de acceso a unha vivenda, precisamente cando máis xente está a perder a súa casa. A Coruña precisa dun Goberno con auténtica vontade política de crecemento económico e social, que loite de verdade por solucionar os problemas de todos, para que as necesidades colectivas obteñan unha resposta responsable”.