Recorte en instalacións deportivas

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal inviste 10 veces menos en infraestruturas deportivas mentres duplica a porcentaxe de subvencións. O feito, de que en 2010 o 40% do orzamento da área de deporte se utilizase para instalacións deportivas e en 2012 soamente se faga co 4%, mentres os convenios nominativos na mesma área multiplicasen por dous, supón a implantación da cultura da subvención política e a aposta por unha política que recorta en calidade de vida, saúde e desenvolvemento social e persoal.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a política do goberno encamíñase a subvenciónar instalacións deportivas privadas en lugar de mellorar e manter o patrimonio público”. Ante esto, os detalles dos convenios do Concello deben ser públicos e accesibles, pois quen debe valorar a xestión é a veciñanza e precisa de tódolos datos para  emitir un veredicto.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistrou 37 preguntas na área de deporte de cara ao seguinte pleno, nun traballo de fiscalización en profundidade dos convenios nominais do concello. En coherencia co programa electoral de EU, un equipo de traballo analizará as respostas do grupo de goberno e revisará o cumprimento das bases do programa de subvencións, a correcta concorrencia competitiva, a adxudicación de cada partida e as xustificacións esgrimidas nas decisións adoptadas.

O rexistro das 37 preguntas xustifícase polas reiteradas denuncias e reclamacións de información por parte da veciñanza, sistemáticamente desatendidas polo goberno municipal. O aumento da transparencia foi unha promesa electoral central do partido popular, pero os avances neste ámbito de vital importancia quedaron reducidos a documentos políticos de carácter declarativo sen aplicación  práctica. Os datos e as cifras saen a conta gotas e orientadas a reforzar a imaxe do goberno, mentres se ocultan detalles preocupantes de importancia pública, como ocorre cos contratos do concello coa concesionaria de reciclaxe de lixo de Nostián.

 

Relacionados