Esquerda Unida denuncia que dende que o PP goberna na Coruña reduciuse nun 23% a inversión en extinción de incendios. A consignación do programa 135 correspondente ao Servizo de Extinción de incendios pasou dos 6,5 millóns de euros no 2011 a 5 millóns no 2014, unha redución de 1,5 millóns de euros. O grande recorte tivo lugar nos orzamento do ano 2013, cando de golpe a súa partida foi reducida en preto dun millón de euros. Este ano continúa a tendencia regresiva no gasto no servizo, en base sobre todo a recortes de persoal e maquinaria.
O Grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes alerta de que a mingua no investimento no servizo de extinción de incendios podería supoñer a antesala para a súa posterior privatización. Durante o pasado verán puidemos comprobar numerosas mobilizacións que, alentadas pola extinción dos convenios correspondentes, pretendían opoñerse á anuencia de Deputación e Xunta que puña aos bombeiros provinciais nunhas condicións de traballo deplorables. Se ben é certo que o parque de bombeiros da Coruña está de momento composto por persoal funcionario, non sería de estrañar que o concello buscase coa redución do seu orzamento, imitar ao seus compañeiros de partido, empeorando as boas prestacións do servizo, para xustificar o cambio cara á súa xestión privada, como xa se fixo noutras ocasións e con outros servizos.
Considera a cidadanía que o bo servizo que presta o noso servizo de extinción de incendios sería posible que cobrasen 800€ ao mes despois de ter un accidente, coa reducións das quendas de descanso ou co paso de 5 a 4 bombeiros en cada servizo? O voceiro de EU-V, César Santiso fai esta pregunta dun xeito retórico, pois a súa aposta pola xestión pública é absoluta, sendo partidario da eliminación desa “xestión indirecta” que tan só busca encubrir a privatización en favor dos amigos, en detrimento da calidade do servizo prestado. Xa o comentaron no seu momento os propios bombeiros do parque municipal, en relación ao modelo de xestión impulsado por Xunta e Deputación durante a desgraza en Angrois; Eles mesmos dicían que reproduzo “trátase dun modelo que se basea en criterios políticos e económicos e que non ten en conta criterios como a eficacia e a calidade do servizo; é un modelo de xestión privada único no Estado español e non garante a seguridade dos cidadáns xa que nos atopamos con parques de bombeiros con tres efectivos por quenda e mal situados xeograficamente”.