Recortes da Xunta en Dependenza

 

Esquerda Unida considera inaceptábel que a Xunta de Galicia este a atrasar as adxudicacións do servizo de axuda á dependenza, un servizo que tanto precisan centos de cidadáns dependentes e supón a vulneración dun principio básico nunha sociedade avanzada e solidaria para cos seus maiores e coas persoas que necesitan axuda debido á súa dependencia.

 

Asemade, a propia Xunta de Galicia está dificultando a miles de traballadoras a obtención do Certificado de Profesionalidade limitando prazas e incluíndo máis requisitos. Estes temas foron trasladados á Consellería por responsables do Sindicato, do que se fixo caso omiso, o que podería entenderse como unha estratexia para extinguir o servizo por falta de man de obra.

 

Por outra banda, moitas das traballadoras seguen a traballar, aínda que se lles deben os seus salarios, para non desatender aos nosos dependentes. Ao parecer, os concellos non lles abonan os cartos ás empresas adxudicatarias para facer fronte aos pagos de persoal.

 

O consello comarcal de EU Coruña desexa mostrar o seu apoio e solidariedade con traballadoras e usuarios do servizo de axuda a domicilio e apoia as mobilizacións convocadas por CCOO diante dos recortes da Xunta do PP.  No medio deste toma e daca entre empresas, Xunta de Galicia e Concellos a parte máis vulnerable son os usuarios e as traballadoras que se atopan nunha situación insostible e inxusta que non ruboriza a ningún responsable político.

 

Para agravar máis a situación a Patronal do Sector en Galicia négase aplicar a subida salarial ás traballadoras pactada para o ano 2012.

 

Relacionados