Recortes en Ensino

 

Non só acepta o intrusismo competencial, senón que vai máis aló no que atinxe ao horario do profesorado ao considerar como non lectivas as horas de garda do profesorado.

 

Todo o anunciado onte pola Consellaría de Educación e Cultura na mesa sectorial é negativo para a saúde do sistema de educación pública. Mesmo, aí onde di que non o vai aplicar, coma no tema das ratios ou no das modalidades de bacharelato, temos fortes sospeitas de que, cando llo pida Rajoy, estas medidas fondamente inxustas e que atentan contra a calidade do ensino público serán unha triste realidade. Téñenas na neveira dos recortes á espera.

 

Esquerda Unida denuncia que o decreto de medidas urxentes degradará as condicións da educación pública. O aumento do horario lectivo mínimo do profesorado de secundaria a 20h, onde non se computan as horas de garda, dificultará que moito profesorado poda ter un horario completo no seu centro e verase na obriga de compartir centro.

 

Pero, o que se agocha detrás desta medida é, amais de dificultar a organización dos centros, así a executiva nacional de EU considera que coa aplicación do RD-Lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización de gasto público no ámbito educativo centos de persoas interinas e substitutas perderán o seu posto de traballo. Medida que se vé reforzada coa decisión, tremendamente absurda, inxusta e intolerable, e contraria á calidade no ensino público, de non contratar profesorado durante os primeiros 15 días dunha baixa, sexa cal sexa a súa duración. Isto repercutirá de forma grave na calidade do ensino, xa que o profesorado de garda atenderá ao alumnado, pero os contidos da especialidade en cuestión non serán atendidos. E isto será moi grave no caso do alumnado de 2º de Bacharelato, que ten no horizonte a proba da Selectividade. E peor sería que a provisión dunha substitución fose a discreción da administración xa que se introduciría a discriminación entre centros en función de certos amiguismos. Algo inxustificable, mírese como se mire.

 

Para Esquerda Unida – Os Verdes o anuncio da Xunta de suspender a creación de novas modalidades de Formación Profesional evidencia o discurso hipócrita do PP cando di querer prestixiar a FP. E todo para non contratar ao profesorado que se precisaría para a súa implantación, necesaria para afrontar mellor a saída ao dificultoso mundo laboral.

 

Para Esquerda Unida estas medidas merecen a nosa contestación e a nosa repulsa. Por iso, apoiamos e animamos a todas as persoas a que expresen o seu descontento ante os ataques que padecen a educación e a sanidade públicas o domingo 29 de abril nas diferentes manifestacións convocadas pola Plataforma pola defensa do estado do benestar e os servizos públicos en toda Galicia.

Relacionados