Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2013.- “Chama a atención a conexión profunda que subxace entre a ideoloxía machista e patriarcal do PP e as súas disposicións orzamentarias destinadas a afogar os Centros de Orientación Familiar”. Sobre este lazo inconfesábel, a deputada de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz vén de denunciar a “precarización progresiva” dos Centros de Orientación Familiar dependentes do Sergas. E faino despois de se reunir esta mañá cos traballadores do Centro de Orientación Familiar (COF) de Beiramar, na Coruña, quen lle amosaron a súa preocupación pola actitude da Xunta cara ao seu traballo. De feito, a Consellería de Sanidade xa se negou a cubrir a xubilación do único profesional da xinecoloxía do COF do Ventorrillo, tamén na Coruña, o que suporá o seu peche inminente.
“Trátase dunha formulación ideolóxica reaccionaria do PP”, asegura Díaz, “e a estratexia que parece seguir a dereita é ir contra todos os centros”. Así, na Coruña, quedan dous traballadores xinecólogos a 160.000 mulleres. Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación no Parlamento (no documento anexo), a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, en que inquire sobre o peche do COF do Ventorrillo e os recursos económicos que achegará á rede de centros.
Os Centros de Orientación Familiar naceron nos anos oitenta da man do Estado e foron despois transferidos ao Servizo Galego de Saúde. Os seus labores aparecen recollidos no catálogo de prestacións do Sergas e inclúen, entre outros, educación sexual e reprodutiva, prevención en saúde xinecolóxica, tratamento de problemas de esterilidade ou desenvolvemento da lei de interrupción do embarazo. Alternativa Galega de Esquerda anuncia, ademais, que se sumará ás mobilizacións en defensa dos COF.