Recortes axudas á Universidade

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que segundo amosan os orzamentos aprobados polo PP coa abstención do PSOE a achega do concello ao centro asociado da UNED redúcese nun 15%, así a contribución do Concello ao centro que a Universidade Española de Educación a Distancia (UNED) ten na nosa cidade, pasa de 95.000 a 80.000 euros.

 

Por outra banda, non se entende que nun contexto económico como o actual no que dende moitos sectores se achaca á economía española a súa baixa produtividade, o Goberno municipal coa complicidade do PSOE, contribúa a manter esta situación en lugar de por os medios necesarios para solucionala.

 

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal ataca as posibilidades de acceso á universidade dos menos favorecidos.

 

A cidadanía leva escoitando dende fai anos o discurso dos dous grandes partidos PSOE e PP a favor da necesidade de formar a cidadanía para que a economía do noso país dispoña de unha mano de obra cualificada e produtiva. Pero a cidadanía tamén leva anos comprobando que o realidade destes dous partidos é que o seu discurso e os seus feitos de goberno non teñen nada que ver.

 

Segundo o Partido Popular os orzamentos das administracións públicas en xeral e o do Concello da Coruña en particular eran os orzamentos do “malgasto”, así anunciaban que mediante o aforro dos cartos que se estaban a gastar superfluamente, se podería investir en emprego, educación e dotacións para os barrios da cidade.

 

Pero ese era so o discurso. Agora o PP xa non está na oposición, está no Goberno e podemos medir a súa actuación política polos feitos. E os feitos son claros. O Goberno municipal está a aforrar en investimentos en educación, como o demostra coa redución de distintas partidas orzamentarias dedicadas a educación como “obras de reposición nos colexios públicos”, “contratos das redes informáticas dos centros escolares” ou “achegas ao centro asociado da UNED”.

 

Por iso, Esquerda Unida denuncia que o Goberno municipal ataca á igualdade de oportunidades, recortando as partidas que a favorecen para incrementar outras que non supoñen ningún beneficio para a sociedade como por exemplo as destinadas a propaganda.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o Goberno municipal debería promover o acceso da cidadanía á educación superior, e non dificultalo, como está a facer”. Non é coherente que dado o déficit de produtividade da economía, as partidas destinadas a educación superior diminúan en lugar de incrementarse. A rede de ensino público é o único garante que ten a sociedade para asegurar a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico da nosa cidade nas próximas décadas.

Relacionados