A Executiva Nacional de EU critica a actitude privatizadora e antisocial do goberno do PP e esixe unha rectificación nas súas políticas contra o sistema público galego, desenvolvidas coa conivencia don capital privado, o causante da crise que padecemos.
Xa que logo, Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia está a executar un ataque sen precedentes contra os Servicios Socias aplicando un recorte orzamental que supera o 35% en relación cos orzamentos do 2010, que xa se amosou insuficiente para cubrir as necesidades básicas da cidadanía galega. Os recortes prexudican seriamente o Plan de Inclusión e a Risga, cando é máis que evidente que coa crise sistemática do sistema capitalista que padecemos, os servizos socias son de vital importancia para evitala exclusión social que xa sofren moitas persoas e que corren o risco de sufrir moitas máis. Por riba, destinar unicamente 12.985 euros para o Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social é unha auténtica demostración de que non se quere atallar o problema. Por iso EU aposta polo fornecemento e mellora dos Servicios Públicos na procura de avanzares cara a igualdade e xustiza necesaria para o benestar da cidadanía.
Asemade, Esquerda Unida advirte que os recortes en servicios sociais significan de facto o finiquito de moitos convenios que a Xunta tiña cos concellos para que estes puidesen cubrir as necesidades sociais da veciñanza. Situación que deixará aos galegos máis desfavorecidos nunha grave situación debido a falta de asistencia social, sobre todo naqueles concellos con teñan pouca capacidade económica.
Por todo isto, Esquerda Unida ratifica o seu compromiso en defensa dos servizos públicos de calidade, apoiando nesta ocasión as reivindicacións e actos de protesta que leve a cabo a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de servizos sociais.
Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida