O grupo parlamentario considera totalmente inaceptábel a quita do 43 por cento de media anunciada polo FROB e rexeita a imposición de calquera tipo de quita esixindo ao Partido Popular que deixe de ser cómplice do roubo a cidadanía do común
Santiago de Compostela, 22 marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda manifesta a súa total oposición á imposición de calquera tipo de quita para os afectados das preferentes esixindo que se lles devolva ata o último euro xa que como destacou o deputado, Antón Sánchez, “estamos a falar de aforradores non inversores”.
Desde Alternativa Galega de Esquerda critican a actitude “cínica e impresentable” do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, atrevéndose a erixirse como “o único aliado” dos estafados cando o único que fixo foi empregalos con fins electoralista con promesas en campaña electoral que unha vez gañadas as eleccións foron esquecidas polo PP procedendo a paralización dos procedementos de arbitraxe.
O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda destaca o sentimento de frustración que están a sentir os afectados por esta inaceptable estafa da que está a ser cómplice o Partido Popular. “Un país que lle rouba a xente do común mentres ampara aos corruptos non é quen de esixir aos cidadáns que non reaccionen” sentenciou o deputado Antón Sánchez.