Recuperación do pequeno comercio

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera as achegas económicas directas ás asociacións de comerciantes a través de convenios nominativos ademais de ser unha mala praxe non resolven o problema do pequeno comercio, esta é a estratexia que utilizou o goberno municipal durante o 2012 e que pretende continuar durante o 2012.

Non se trata de rexeitar o xulgar as distintas iniciativas, algunhas moi interesantes como as noites brancas, outras non tanto. Senón que demandamos unha visión integral do problema. Coincidimos na necesidade de levar as actuacións a todos os barrios, máis tense que desenvolver en base a unha estratexia, uns obxectivos e baixo a coordinación do concello para optimizar os investimentos en promoción do comercio.

Esquerda Unida considera que so se pode recuperar o pequeno comercio coruñés mediante o desenvolvemento dun plan global que incorpore medidas reais e efectivas para promocionar o comercio, conectadas entre si para que actúen de maneira sinérxica multiplicando o seu efecto, ao tempo que se avalíen indicadores para comprobar o grado de execución dos obxectivos marcados no dito plan.

Dende EU consideramos que o devandito plan debe establecer como alicerces, por unha banda a recuperación da tradicional vida de barrio coruñesa promovendo actividades culturais e de ocio nos barrios e por outra o desenvolvemento dun plan turístico que incentive o consumo dos turistas, na cidade mediante o deseño, desenvolvemento e promoción proactiva de rutas turísticas-culturais-gastronómicas na cidade que permitiría aos comerciantes coruñeses rendibilizar así os inxentes investimentos en promocións turísticas do Concello.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a veciñanza indígnase cando coñece que nestes momentos de crise se gastaron 145.000 € en catro casetas de madeira cunhas actividades pobres de contido. E máis cando coñecen que a contratación foi por procedemento negociado sen publicidade e levouna o mesmo empresario ao que o se lle contratou o aluguer das carrozas das tres cabalgatas que organizou o PP dende que esta no poder”. Así, César Santiso subliñou que “o goberno municipal atópase totalmente afastado da realidade e da cidadanía, como demostra o feito de que afirme que o malgasto do poboado lapón so molestou á oposición”.

Relacionados