Recuperación liña ferroviaria

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para recuperar a conexión ferroviaria de mercadorías co porto e amosar o compromiso da corporación co tráfico de contedores. Cuxa parte resolutiva indica:

Primeiro. O Pleno do Concello da Coruña, é consciente de que o tráfico marítimo de contedores é o sistema con máis futuro en combinación co transporte ferroviario por ser o método mais sustentable para transportar mercadorías, tanto a nivel económico como medioambiental.

Segundo. O Pleno do Concello da Coruña consciente da privilexiada situación do porto coruñés e da importancia que para a economía local pode supoñer o tráfico de contedores, insta ao Ministerio de Fomento a que realice as xestións oportunas para recuperar a conexión ferroviaria de mercadorías co porto da Coruña eliminada no mes de maio.

Terceiro. Dar traslado do seguinte acordo ao Goberno Central, ao Ministerio de Fomento, a Renfe, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia.

EU leva anos pulando pola promoción do transporte de contedores na Coruña porque entendemos que é unha excelente fonte de riqueza e xeración de emprego, así o ten amosado tamén o goberno municipal nas diversas interpelacións plenarias que fixemos neste sentido. E un feito que o transporte marítimo constitúe o 90% do comercio mundial. Do tráfico de mercancías xerais, máis do 75% faise a través de contedores, sector que se atopa en continuo crecemento, polo que semella unha formidable oportunidade de negocio. Así segundo datos da ONU estímase que no 2015 o tráfico de contedores entre os continentes europeo e americano chegará aos seis millóns de unidades, na actualidade A Coruña tan so capta preto do 0,1%, a pesares de que a nosa cidade ten a localización xeográfica ideal para centralizar gran parte do dito tráfico. En EU consideramos que A Coruña pola súa privilexiada situación xeográfica como zona portuaria máis próxima, podería acadar entre un 6 e u 9% do tráfico de contedores entre América e Europa, é dicir entre 360.000 e 540.000 contedores anuais que é a capacidade de negocio que permiten os 180.000 m2 do peirao do centenario, unha vez trasladadas a Punta Langosteira todas as actividades que agora se desenvolven no centenario como os graneis, carbón, cereais…

Acadar este volume de tráfico de contedores permitiría xerar preto de 3500 postos de traballo Diversos estudos científicos estiman que o impacto económico en termos de xeración de emprego desta actividade, establece un coeficiente de 6,5 postos de traballo por cada 1000 contedores, o que significa que o Peirao do Centenario a pleno rendemento poderían acadarse entre 2340 e 3510 empregos.

Esquerda Unida pide unidade a todas as forzas políticas e socias para loitar contra a desaparición das conexións ferroviarias, así como para a inmediata construción da conexión do Porto Exterior por ferrocarril. Cando todos os informes acreditan que o tráfico marítimo de contedores en combinación co ferrocarril é o método de transporte de mercadorías máis sustentable tanto económica como medioambientalmente, o ministerio de Fomento non so está a dar largas á conexión ferroviaria con Punta Langosteira, senón que a través de Renfe elimina a liña ferroviaria de transporte de contedores co Porto, logo de reducir de cinco convois semanais a tan so un. Semella que o goberno central do PP pretende cercenar as posibilidades de crecemento económico da nosa cidade e da bisbarra coruñesa. Non debemos esquecer que a actual crise enerxética debido ao cénit do petróleo, está a elevar os prezos dos carburantes ate o punto de facer insostible economicamente o transporte por estrada. Xa que logo, semella fundamental que para atraer operadoras de contedores ao noso porto e necesario dispor de liña ferroviaria que o faga atraínte.

César Santiso, indicou que “para cambiar as cifras de pobreza e exclusión social o concello debe promover a diversificación económica o que traerá xeración de emprego e levará a cidade cara a igualdade. Xusto o contrario que fai Negreira que coa súa política de promoción da especialización en turismo, lémbranos o desenvolvemento franquista do sol e praia, condenando a cidade á depresión económica e aos coruñeses á traballo precario, o que incrementa a brecha social.

 

Relacionados