Recurso polo Garañón

 

A Comisión de Goberno do Concello de Lugo acordou recorrer de novo o informe desfavorable emitido pola Comisión Provincial de Patrimonio e ratificado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sobre a unidade de actuación CS-5, coñecida por Torres do Garañón. Unha vez máis, o PSOE decidiu rizar o rizo neste tema onde ten a máxima responsabilidade, e aínda que o BNG manifestou a súa oposición na comisión de goberno, renunciou a paralizar no Pleno a nova presentación deste recurso.

 

EU presentou a pasada semana unha moción dirixida aos grupos municipais, coa intención de debater en pleno a paralización dun novo recurso, entendendo que este non conseguirá senón dilatar o litixio no tempo sen ningún resultado positivo, nun proceso no que a xustiza se ten pronunciado de xeito reiterado.

 

A oposición do BNG a presentar recurso queda, deste xeito, reducida a “intentar convencer aos concelleiros do PSOE na Comisión de Goberno”, renunciando ao instrumento máis importante: a presentación dunha moción no Pleno para forzar o debate e evitar o recurso. Polo tanto, dende o Consello local instamos ao BNG a debater en pleno a moción xa presentada por EU ou a presentar unha moción propia no seguinte pleno municipal e votar abaixo esta decisión.

 

Para EU, a renuncia do grupo nacionalista a levar este asunto ao Pleno manifesta a total submisión do BNG ao PSOE, os seus socios de Goberno, e converte en pura retórica a suposta liberdade dos nacionalistas en temas como o Garañón e o PXOM no seu acordo de goberno co PSOE, máximo responsable das tropelías urbanísticas na nosa cidade nos últimos anos.

Relacionados