Rede clientelar

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “que as concelleiras de barrio declaren que non son coñecedoras do malestar veciñal amosa o afastadas que se atopan da realidade e como o PP goberna de costas á cidadanía”.

César Santiso considera inaudito que diante do clamor popular en contra das prácticas sectarias do goberno coruñés, os seus concelleiros teñan a cara de negar a evidencia que se palpa na cidade un día si e outro tamén.

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal pretende socavar a participación cidadá tecendo unha rede clientelista, forzando a veciñanza a pedir favores para que o Concello resolva problemas dos seus barrios, cando este ten a obriga de atender as demandas da cidadanía. O Concello utiliza prácticas propias de réximes pasados como chantaxear coas subvencións, ningunear as asociacións veciñais que non son afines, prohibir o uso de instalacións municipais baixo argumentacións peregrinas ou incluso sabotar e contraprogramar actos dalgunhas asociacións para castigalas, como teñen denunciado  infinidade de AAVV. como Os Rosais, Oza – Gaiteira – Os Castros, Castrillón, Atochas – Monte Alto – A Torre, Os Anxos – Birloque – San Cristobo das Viñas, Barrio das Flores, Plataforma do Ventorrillo… Amosando unha arrogancia que en ocasións raia o esperpento cando na procura de transmitir a falsa mensaxe de que apostan pola participación cidadá manipulan á opinión pública malgastando cartos en actos irreais que non son máis que pantomimas mediáticas, como o Foro Coruña Futura, a Xuntanza con AAVV. para que simplemente o alcalde se sacarse a foto.

Dentro deste elenco de accións antipopulares que amosan unha evidente falta de espírito democrático, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno local está a promover e financiar asociacións afíns para debilitar o tecido asociativo coruñés, promovendo o partidismo entre o tecido asociativo na procura de evitar a participación da veciñanza na vida municipal, cercenando así o dereito a decidir da cidadanía.

Relacionados