Preto do 20% da poboación coruñesa atópase en risco de exclusión social, e dicir un de cada cinco coruñeses están no limar da pobreza por mor da crise e a conxuntura económica. Asemade as expectativas para os vindeiros anos son francamente pesimistas, a desaceleración económica e o incremento do desemprego seguirán a súa etapa ascendente.
Esta situación, unida a crise medioambiental que estamos a vivir co quecemento global e a crise hídrica, así como a crise enerxética que encarece cada vez máis o transporte das mercadorías están a fomentar unha crise alimentaria sen precedentes na historia moderna da humanidade. Esta potencial escaseza de alimentos incentiva os mercados de futuros con produtos agrícolas, é dicir os mercados pretenden especular cos alimentos, un ben básico de primeira necesidade.
Diante desta situación os poderes públicos deben actuar na medida das súas posibilidades, procurando avanzar cara á soberanía alimentaria en cada un dos territorios que xestionan. Xa que logo, Esquerda Unida propón a conversión en hortas urbanas ecolóxicas dos espazos verdes infrautilizados, abandonados ou degradados. Así, ademais de ofertar unha actividade alternativa de lecer, deporte e contacto coa natureza, como a horticultura, posibilita ás persoas máis necesitadas unha fonte adicional de recursos, precisamente facilitando o acceso a alimentos vexetais perecedoiros que son os que en menor proporción subministran as ONG e o banco de alimentos.
Por outra banda, as hortas urbanas fan a función de formación para persoas desempregadas de cara a facilitar a súa reconversión cara unha actividade primaria como a agraria que inexorabelmente debemos retomar e que axudará a cambiar o modelo produtivo.
De todos é coñecido que Galiza en xeral, e a bisbarra coruñesa en particular, ten unha enorme riqueza natural infrautilizada, son miles e miles as hectáreas de terra fértil acta para agricultura sen explotar, algo inconcibíbel cando son miles e miles os galegos e galegas que pasan graves dificultades económicas e necesitan da beneficencia para poder alimentarse.
O sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, así en contraposición co retroceso da meirande parte dos sectores produtivos, a agricultura ecolóxica incrementou a súa facturación nun 28% facturando o ano pasado 22 millóns de euros na Galiza, así como as terras cultivadas nun 8% atá acadar 15.300 hectáreas, das cales máis de 12.000 atópanse en Lugo e Ourense.
Cabe subliñar que a agricultura ecolóxica utiliza técnicas sustentábeis e menos dependentes do petróleo, con ausencia total de pesticidas, plagicidas e agroquímicos, o que permite ofertar produtos diferenciados de maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, ademais de avanzares na soberanía alimentar ao evitar a dependencia das grandes multinacionais agroquímicas.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para crear unha rede de hortas urbanas e o correspondente regulamento sobre condicións de acceso e uso da veciñanza. Consideramos de especial relevancia o feito de que a constitución dunha rede de hortas urbanas desenvolve un efecto positivo sobre a psiquis das persoas desempregadas, xa que moitas das persoas que integran este colectivo teñen a sensación de non sentirse útiles a sociedade. Así pois o desenvolvemento desta actividade outórgalles a posibilidade de sentirse produtivos.
En definitiva, temos materia prima e temos ferramentas para xerar emprego nunha actividade primaria fundamental, so é necesario vontade política para promover a agricultura ecolóxica como actividade produtiva mediante a coordinación, apoio e formación ás persoas desempregadas para que recuperen o agro da bisbarra coruñesa nunha actividade que fomenta a recuperación económica, o cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo e a mellora a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas ao por no mercado produtos locais sans e de calidade.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esta é una iniciativa eficiente que reutiliza espazos para goce da cidadanía, esperamos que todos os grupos políticos da corporación teñan altura de miras e apoien esta proposta que supón beneficios para a cidadanía”.