Rede municipal de comedores

Preto do 25% da poboación galega atópase en risco de exclusión social, concretamente sesenta mil persoas dependen para alimentarse dos bancos de alimentos, mentres a Unión Europea e o Goberno suprimen os fondos destinados a eses bancos, privando de asistencia á bolsa de cidadáns con economías destruídas pola crise.

Neste sentido, César Santiso indicou que “a situación económica e as medidas de recorte dos gobernos do PP están a condenar a unha de cada catro persoas ao limiar da pobreza. Os poderes públicos deben actuar xa antepoñéndose aos acontecementos e desenvolvendo medidas que permitan paliar a situación de emerxencia social”.

Esquerda Unida propón crear unha rede municipal de comedores sociais públicos para asegurar que todos os coruñeses teñen acceso a unha alimentación digna. Na devandita rede traballarían en sinerxía os actuais comedores xestionados por entidades privadas, cos públicos, descentralizando a oferta e evitando a concentración de marxinais o que evitaría a reticencia de facer uso destas instalacións ao chamados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente que a crise os puxo no limiar da pobreza. Asemade, na Coruña, as distintas entidades benéficas e o propio banco de alimentos recoñecen sentirse superados diante dunha demanda que crece de maneira exponencial, o que sitúa a nosa cidade cun importante déficit en canto á oferta de comedores sociais. Mentres a acción social do goberno municipal limítase a incrementar as subvencións a determinadas ONG.

Dende Esquerda Unida valoramos positivamente a labor das entidades benéficas que actúan como elemento de cohesión social, mais entendemos que cando a labor de cohesión social depende unicamente de entidades privadas, algo está a fallar no noso sistema democrático social e de dereito. Por iso consideramos que limitarse a subvencionar a entidades privadas, como fai o goberno municipal é unha política errada, pois ao noso atender a cobertura alimentaria debería ser a primeira acción social que desenvolvan os poderes públicos, é dicir consideramos que o acceso a unha alimentación sa e digna é un dereito e en ningún caso pode consistir en esmola. Dende esta perspectiva o Concello estaría en condicións de asegurar a soberanía alimentaria a todos os coruñeses e coruñesas que poderían acudir aos comedores municipais a prezo reducido, e aqueles que menos teñan poderíanse beneficiar de bonificacións segundo a súa capacidade económica, até chegar a gratuidade nos que non dispoñan de recursos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha iniciativa para crear o primeiro comedor social público da rede municipal no Birloque debido ao alto grado de risco de exclusión social na zona, asemade como a zona caracterízase por ter un elevado número de persoas maiores, moitas delas viven en solitario, o dito comedor social desenvolvería un rol de activador social para estas persoas, non so polo mero feito de compartir mesa e mantel senón porque poderían desenvolverse actividades sociais de sobremesa, o que permitiría que abandonarían o seu estado de aislamento nas súas casas. Ademais forzarlles a facer un desprazamento de ida e outro de volta ás súas casas, promovendo así un mínimo de exercicio físico tan necesario a esas idades.

Por outra banda a creación do dito comedor, suporía moi pouco investimento pois xa existe un local público na zona (Avda. de Glasgow, Nº 10) que leva tempo baleiro e sen uso, e a propia AVV. do Birloque ten amosado a súa disposición a colaborar..

Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal, diante desta grave situación humanitaria, nin tan sequera aceptase debater unha moción presentada no Pleno anterior neste sentido, por iso agora presenta unha pregunta oral (Non considera o goberno municipal que con motivo da difícil situación que se vive no barrio do Birloque, sería necesario dotar ao barrio dun comedor social para que poidan acceder ao mesmo todos aqueles veciños e veciñas que o necesitasen?) para abrir un debate que non entende de cores políticos senón de principios humanitarios.

A parte resolutiva da devandita moción rexeitada indicaba:

“Primeiro.- Dado que a demanda de cidadáns que necesitan apoio alimentario para subsistir está a medrar exponencialmente e que as entidades benéficas e bancos de alimentos atópanse saturados como eles mesmos indican, o Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno municipal a crear unha rede municipal de comedores sociais públicos que traballen en sinexexía coas distintas ONG involucradas neste tipo de axudas.

Segundo.- Dado que o barrio do Birloque e un barrio marxinal que ostenta o maior número de vivendas de protección social e un dos porcentaxes máis altos de persoas en risco de exclusión social na Coruña, o Pleno do Concello da Coruña insta ao goberno municipal a comezar a creación da rede municipal de comedores sociais públicos neste barrio habida conta de que o Concello dispón dun local municipal baleiro que cumpre as características para desenvolver a dita actividade na Avda. de Glasgow, Nº 10.”

Pola súa banda Ramón Mañana agradeceu o traballo de EU e afirmou que a AA.VV. Os Anxos rexistrou esta solicitude o 14 de marzo e que aínda non recibiron resposta algunha por parte do Concello, indicou tamén que xa o tentaran anteriormente mediante por correo electrónico, tamén sen recibir resposta algunha e incluso posteriormente e de maneira verbal ás concelleiras e barrio.

O presidente da AVV. Os Anxos, coincidiu coa argumentación exposta por César Santiso e subliñou que “son zonas marxinadas, que o Concello nos ten abandonados tamén en canto a servizos sociais. Si non queren que pertenzamos ao Concello da Coruña que nolo digan  e crearemos outro”, sentenciou.

Relacionados