Redución de prazas de comedor

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a redución sen previo aviso, por parte da Xunta, dun 66% de prazas de comedor non so prexudica gravemente as familias coruñesas que facían uso del, senón que vai en contra da integración dos alumnos con discapacidades. Dende hai anos algúns alumnos, do CEIP Ramón de la Sagra, María Pita e o Instituto Otero Pedrayo desprazábanse ao mediodía ao centro de educación especial para xordos Nuestra Señora del Rosario para empregar o seu comedor, que ten capacidade para 90 estudantes. O Goberno da Xunta decidiu este ano que só os alumnos deste centro de educación especial utilicen as instalacións, reducindo as prazas do comedor nun 66%. Esta situación está a ocasionar un grave prexuizo as familias que tiñan solicitado, como os outros anos, o acceso ao dito comedor e agora se atopan sen praza e, xa que logo, con graves dificultades de conciliar a vida familiar e laboral.

Por outra banda, semella fundamental unha integración eficaz das nenas e nenos con necesidades educativas especiais, polo que todas as medidas que se poidan adoptar neste sentido non só son positivas, senón que son poucas. A posibilidade de compartir comedor dos rapaces con discapacidades do centro, cos de outros centros sempre é positivo.

Esquerda Unida propón unha acción conxunta de tódalas forzas políticas do concello para que se restableza o aceso ao comedor escolar do centro de educación especial A Nosa Señora do Rosario. Esperemos que entre todos convenzamos a Xunta para que rectifique, porque do contrario a administración galega amosaría unha grande falta de sensibilidade diante da situación das familias que precisan solucións inmediatas para un curso académico xa iniciado.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resolver esta situación é de sentido común, busquemos entre todos e todas unha solución, sen utilizar a situación como arma política, polo ben dos rapaces e das familias”.

Relacionados