É un feito que o transporte marítimo constitúe o 90% do comercio mundial. Do tráfico de mercancías xerais, máis do 75% faise a través de contedores, sector que se atopa en continuo crecemento, polo que semella unha formidábel oportunidade de negocio. Así Segundo datos da ONU estímase que no 2015 o tráfico de contedores entre os continentes europeo e americano chegará aos seis millóns de unidades, na actualidade A Coruña tan so capta 5.500 contedores anuais o que supón un exiguo 0,09%, a pesares de que a nosa cidade ten a localización xeográfica ideal para centralizar gran parte do dito tráfico.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno municipal a que desenvolva todas as accións necesarias para promover o tráfico de contedores de mercadorías na Coruña que ten capacidade e infraestruturas para acadar entre o 6 e o 9% do tráfico America-Europa. Para elo ten que defender diante do Goberno central a importancia estratéxica que ten para a reactivación económica da bisbarra coruñesa a finalización do Porto exterior de Langosteira e a inmediata execución das vías de conexión terrestre, tanto ferroviaria como por estrada, dotando suficientemente as partidas orzamentarias para rematar as ditas actuacións no menor tempo posíbel, non como fixo nos actuais orzamentos reducindo case a metade o investimento nas obras do Porto e deixando nun mero estudo as conexións terrestres o que suporá a ralentización dunha actuación vital para a economía produtiva coruñesa e galega.
En todo caso EU-V aclara que debido a unha pésima e chapuceira xestión inicial do proxecto do porto exterior a súa actual localización non permite o tráfico de contedores, algo que si permite o peirao do centenario, que proporcionaría así un espazo total para contedores de 180.000 m2 que permitiría un movemento anual de entre 360.000 e 540.000 contedores. Pero para elo deben trasladarse a Punta Langosteira todas as actividades que agora se desenvolven no centenario como os graneis, carbón, cereais…
Esquerda Unida estima que o tráfico de contedores xeraría entre 2.300 e 3.200 postos de traballo reducindo o desemprego nun 15% na cidade coruñesa. Así segundo diversos estudos científicos sobre o tema estiman que o impacto económico en termos de xeración de emprego da actividade de importación/exportación de contedores, que sería a utilización que tería o porto de contedores na nosa cidade, establece un coeficiente de 6,5 postos de traballo por cada 1000 contedores.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o que estamos a propoñer é converter A Coruña nun punto neurálxico no transporte mundial de contedores porque temos as condicións e as infraestruturas necesarias e nestes momentos o groso deste tráfico, no que respecta a Europa, faise a través dos portos de Rotterdam, Amberes, Amsterdam e Hamburgo. Pese a que os nosos portos están máis próximos as rutas comerciais procedentes de Estados Unidos”.
César Santiso, indicou que “estamos diante dunha oportunidade única para reactivar a economía local e xerar emprego, esperemos que o Goberno municipal este á altura das circunstancias”. Galiza en xeral e A Coruña en particular e a zona continental europea máis próxima a América, polo que coas infraestruturas axeitadas, tanto a nivel portuario como de comunicación terrestre, por estrada e ferrocarril, poderíamos captar gran parte do tráfico de mercadorías de contedores, sector que se atopa en pleno auxe, como amosa o dato de duplicar o volume nos últimos anos, chegando incluso a transportarse en contedores graneis líquidos.
Santiso rematou indicando que “é moito o que nos xogamos, os coruñeses e coruñesas, as persoas desempregadas non poden permitirse o luxo de esperar un lustro a que se remate o porto exterior por mor dunha xestión ineficaz, xa nos chega coas eivas no porto exterior que de estar adaptado ao tráfico de contedores habería capacidade de multiplicar por 10 as capacidade de captación de tráfico e, xa que logo, o potencial incremento de xeración de emprego, chegando incluso a posibilidade matemática de acadar o pleno emprego na cidade coruñesa”.