Referendo Esquerda Unida

O Consello Político Comarcal de Esquerda Unida na Coruña apoia por aclamación a coalición electoral entre EU e Anova denominada alternativa galega de esquerda. Esta decisión unánime do máximo órgano comarcal prodúcese un día despois de que o Consello Político Nacional, máximo órgano de Esquerda Unida, aprobase a coalición cunha amplísima maioría, todos os votos a favor menos un en contra. Así, amósase o apoio total e sen fisuras do CPC da Coruña, ao proceso de converxencia iniciado pola executiva nacional galega na procura de acadar unha fronte hexemónica de esquerdas de longo percorrido que sexa quen de transformar a política galega, e consecuentemente mellorar a calidade de vida da cidadanía galega.

Unha coalición que está aberta a incorporación das forzas políticas que coincidan cun programa de esquerdas anticapitalista que remate coa ditadura dos mercados e devolva o poder á cidadanía, rematando así cos privilexios que tanto PP como PSOE outorgaron aos banqueiros e os especuladores en detrimento dos dereitos da maioría social.

Esquerda Unida desenvolve o día 13 de setembro un referendo entre a súa afiliación para ratificar a coalición técnica, na súa sede comarcal, sita en R/Cardenal Cisneros, 60 baixo. Así, no caso de que as bases de EU ratifiquen o pacto, como semella ser o sentir maioritario dos afiliados da nosa organización, as familias traballadoras galegas terán motivos para a esperanza, pois a Syriza galega comezará a súa andaina.

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indico que “decidimos ampliar ao máximo o horario, así poderase votar dende as 9:00 até as 23:00 ininterrompidamente para garantir a máxima participación. Aínda que as normas para o proceso propoñen un horario máis limitado, o propio texto establece a posibilidade de flexibilizar o horario por parte dos distintos Consellos Políticos Comarcais, na certeza de que estes últimos son máis coñecedores da realidade da súa comarca en canto a dispoñibilidade da súa afiliación para participar no proceso. En todo caso, tal e como marcan as normas, desenvolveremos unha asemblea deliberativa de 19:00 h. a 21:00 h. á que se anima a toda a afiliación a participares, para logo exercer o seu voto”.

César Santiso subliñou que “Na Coruña foron moitos os afiliados e afiliadas que, debido a incompatibilidade de horarios, expresaron a súa preocupación por non poder participares nun proceso tan decisivo para a nosa organización e para Galiza polo que decidimos facer un esforzo organizativo, así dende as 9:00 h. até as 23:00 h. que é hora límite que permiten as normas, a afiliación terá a súa disposición a mesa electoral para poder exercer o seu dereito ao voto, asemade, aínda que xa se achegou toda a información do proceso por carta e correo electrónico, a mesa electoral achegará tanto os documentos como as explicacións e aclaracións necesarias a quen o solicite”.

Relacionados