Para Esquerda Unida o goberno municipal ten a obriga moral de preguntar á cidadanía diante do rexeitamento masivo ás touradas. A continua participación do Concello da Coruña na organización e realización da feira taurina está a xerar unha ampla e cada vez maior oposición social. Máis do 88% da mocidade rexeita que o consistorio colabore cos empresarios taurinos e facilite a realización desta cruenta actividade a través da cesión de espazos de titularidade municipal e a súa adaptación para convertelos en praza de touros. A postura dos mozos e mozas coruñesas demostra que as touradas forman parte do pasado, e no pasado deben quedar.
A recente divulgación dos datos de asistencia as touradas do pasado mes de agosto, con tan so 4.674 abonos e entradas vendidas nos tres días de feira taurina, demostra como os espectáculos de violencia e martirio dos animais non xeran o máis mínimo interese entre os coruñeses e as coruñesas, e como é o apoio municipal o que está a soster esta aberración, que achega máis convites que entradas vendidas de xeito efectivo.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción en colaboración coa plataforma Galicia, Mellor sen Touradas para instar ao concello a desenvolver un referendo vinculante sobre as touradas que permita determinar a postura cidadá sobre a participación do concello da Coruña na organización e celebración de calquera tipo de festexo taurino.
EU considera que a sanguinolenta morte dun animal, ensartado en diferentes elementos da máis vil tortura resulta unha pésima imaxe para unha cidade como A Coruña, onde coas alternativas actuais poderíamos promover contidos moito máis edificantes no eido cultural e social, demostrando un interese máis pola solidariedade e a integración, pola verdadeira creación artística que pola tortura animal.
César Santiso, indicou que “o PP demostraría unha vez máis que goberna de costas aos coruñeses e coruñesas se non atende esta moción que fai eco a unha ampla demanda social”.
Pola súa banda Rubén Pérez demanda que o Pleno da Coruña faga un debate serio, algo que non puido facerse nesta lexislatura polo veto do PP. Rubén subliñou que as touradas na Coruña teñen un percorrido baseado no subsidio e o agasallo de invitación. Asemade lembrou que este ano o concello subsidiou cuns 90.000 € este acto cruel cos animais coa cesión e adaptación do Coliseum, cesión de despachos de billetes e outros agasallos.