Reforestación en terras agrarias

Santiago de Compostela, 15 marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda  esixe a Xunta de Galicia que deixe de servir de cómplice da reforestación das terras agrarias no noso país tal e como está a facer ata o momento. Na comparecencia da Comisión de Medio Rural, o deputado de AGE, Antón Sánchez, preguntou sobre a parálise na resolución das denuncias por reforestación de terras agrarias que foi recoñecida polo propio Secretario Xeral técnico de Medio Rural na súa intervención posterior que explicou que comezaron a tramitar algún expediente en febreiro de 2012, e que actualmente tiñan resolto so dous, cando a cifra de denuncias supera as 200.

Preguntado polos datos referidos a provincia da Coruña onde o deputado de AGE denunciou que están absolutamente paralizados xa que, como explicou Antón Sánchez, os Servizos Xurídicos da Consellería están á espera dos criterios da aplicación da Lei de Montes en vigor dende agosto, o Secretario Xeral non o desmentiu engadindo que  non tiña os datos dos casos concretos da provincia da Coruña porque non llos enviaran. Éste é o esperpento que ten montado a Xunta de Galicia, que permite que non se cumpla a Lei e que se reforesten terras agrícolas, mentres que a propaganda oficial fala de incrementar a terra para a produción dos gandeiras e gandeiros galegos” lamentou Antón Sánchez.

Nesta comparecencia o deputado de AGE comparou a situación da administración galega en mans do PP coma propia dunha “república bananeira”, onde “os gandeiros cando denuncian atópanse unha situación kafkiana, na que o denunciante é o sospeitoso, o que infrinxe a lei queda impune, e onde a propia administración non cumple cunha Lei que está en vigor dende agosto porque aínda non hai criterios para facelo”. Como resultado da falta de vontade e ineptitude do PP, Galiza conta coa superficie agraria útil máis baixa de Europa, o que penaliza ás nosas explotacións tanto no senso de que os custes de produción son moi elevados porque dependen dos piensos e cobrarán menos axudas que o resto dos gandeiros españois e europeos posto que as axudas da PAC para o período 2014-2020 priman a superficie. Así cada vez mentres hai menos terra para a produción de alimentos gástase cada vez máis na extinción de incendios.

 

Relacionados