Reforma administración local

O deputado Xabier Ron asegura que o único que se busca é impoñer o imperio da irracionalidade que provén do autericidio actual.

Santiago de Compostela, 1 marzo de 2013.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a reforma da administración local que quere impoñer o Partido Popular é “un golpe á democracia “ que o único busca é impoñer “o imperio da irracionalidade que provén do austericidio actual”. O deputado Xabier Ron asegura que é irracional pensar que eliminando a capacidade de goberno e de servizo público da administración pública que ten máis próxima a cidadanía se mellora en calidade de vida.

“A dereita segue co seu exército de demolición e quere arrasar coa igualdade de oportunidades” lamentou Ron quen engadiu que os argumentos economicistas tampouco se sosteñen xa que a meirande parte dos concelleiros e concelleiras non cobra na actualidade e só se reduciría un ridículo un por cento o número de concelleiros que si cobra. Os propios concellos galegos auguran caos se se ceden servizos sociais á Xunta, denuncia á que, unha vez máis, o PP prefire facer oídos xordos.

O deputado de AGE preguntou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, se o goberno galego ten previsto solicitar a retirada deste anteproxecto de reforma que despoxará de competencias aos concellos pequenos para alimentar “esas casas de honradez e transparencia que son as Deputacións provinciais”, como destacou ironicamente Xabier Ron na súa intervención na última sesión plenaria. Rueda non só evitou dar unha resposta contundente contra este ataque á democracia que o seu partido quere levar a cabo desde o goberno do Estado senón que unha vez máis volveu mentir asegurando que noutras autonomías non se está a dar esta oposición, algo totalmente falso tal e como se pode comprobar polas constantes declaracións en contra e as campañas de denuncia que se están a levar a cabo en diferentes partes do Estado.

Relacionados