Reforma da admón. local

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a reforma da administración local, ademais de ser unha medida retrógada que pon en perigo servizos públicos esenciais, provocará a perda de moitos postos de traballo no sector local da Comunidade de Galicia, cun posible impacto no noso Concello. Na Coruña, trasladaremos esta posición ao goberno municipal para poder suscitar medidas que puidesen evitar os efectos perniciosos desta medida e para conseguir que se aposte polo fomento e mantemento do emprego.

A reforma supón un profundo ataque á autonomía da Admón. Local que devolve aos concellos a unha situación xurídica preconstitucional, recentralizando a administración, eliminando ás Entidades Locais do seu papel representativo da cidadanía, cercenando a súa independencia e capacidade de obrar.

Cando resulta evidente que os Concellos precisan dun novo modelo de financiamento local, como leva tempo esixindo EU, para garantir a prestación dos servizos á cidadanía e converterse en motor económico local, o PP pretende cambiar o modelo de Estado cara unha concepción ideolóxica de marcado perfil liberal no económico e conservador no político, xa que logo prioriza os criterios economicistas sobre a calidade dos servizos á cidadanía para promover a súa privatización.

É ben sabido, que democracia real e participación cidadá asustan ao Partido Popular, de aí o seu empeño en restar capacidade a unha administración clave e próxima á cidadanía como son os Concellos.

Esquerda Unida denuncia que coa reforma da administración local, o PP viola a Carta Europea de Autonomía Local que recoñece a eficacia e o papel máis favorable da administración máis próxima á cidadanía. En termos xerais non ten en conta, en materia de competencias municipais, a garantía institucional da autonomía, prevista constitucionalmente e nos tratados internacionais, así como o principio de descentralización na xestión pública.

O voceiro de EU-V, César Santiso, advirte que “baixo a premisa de optimizar e abaratar custos, o PP está a lanzar unha ofensiva brutal contra os servizos públicos, precisamente agora que son esenciais para garantir a cohesión social  están en perigo de extinción os servizos sociais, educativos e de igualdade”.

Relacionados