Reforma da lei bases admón. local

O anteproxecto de “Lei para a racionalización e a sustentabilidade da Administración Local” que pretende aprobar o PP supón a demolición do modelo  de xestión pública que se iniciou en España cos Concellos democráticos desde 1.979.

Este anteproxecto, que reforma da Lei de Bases de Réxime Local, supón na práctica o baleiramento das competencias dos concellos, aposta pola privatización dos servizos públicos e desmantelamento da administración local.

Introduce indicadores de calidade puramente financeiros, sen contemplar criterios de atención á cidadanía de carácter social ou de dereitos humanos básicos. Isto último, en consonancia coa famosa e tráxica, polas súas consecuencias, reforma do artigo 135 da Constitución Española en setembro de 2011, acordada polo PSOE e o PP, que recolle o principio de estabilidade orzamentaria como principio reitor de todas as administracións públicas.

A esta obsesión sométese agora á administración local a través desta reforma, sen contemplar as consecuencias sociais en forma de pobreza e deterioración de servizos que esa rixidez provoca na sociedade, principalmente nas capas populares. Consecuencias ben coñecidas polos veciños de Ponteareas, xa que de esta reforma constitucional, xunto coa nefasta xestión municipal exercida polos distintos gobernos da dereita na vila, provén o actual estado de ruína do noso concello. Por non falar da máis absoluta desorientación que se advirte nos grupos da oposición na corporación municipal, incapaces de ofrecer unha alternativa real ás políticas do PP, cuestión que é a orixe real de que sexan incapaces de poñerse de acordo para a tan divulgada moción de censura.

A Moción proposta por Esquerda Unida ao Pleno Municipal de Ponteareas, contempla os seguintes acordos:

1. Mostrar  o seu rexeitamento ao texto do Anteproxecto de Lei para a Racionalización e Sustentabilidade da administración local.

2. Esixir a convocatoria dunha Asemblea Extraordinaria da FEMP para tratar este asunto e sobre o presente e futuro do municipalismo.

3. Elevar ao Goberno Central a proposta de que calquera reforma que afecte as entidades locais deberá contar coa participación das mesmas, tanto directamente como a través das Comunidades Autónomas no ámbito das súas competencias.

4. Comunica igualmente ao goberno Central a necesidade de que se reúna a Conferencia Sectorial para Asuntos Locais para debater este Anteproxecto de Lei e promover unha Lei de Financiamento Local que resolva o fortalecemento das competencias locais e o seu financiamento.

5. Adherirse  ás accións legais que se interpoñan para tentar parar esta reforma incluído no seu caso o recurso de inconstitucionalidade.

6. Adherirse a cantas plataformas se poñan en marcha en defensa dun municipalismo democrático e próximo aos intereses da cidadanía.

 

Relacionados