Reforma da Lei Bases Réxime Local

O coordinador local de EU en Vigo Rubén Pérez presentou hoxe no rexistro do Concello de Vigo unha proposta de moción instando á defensa da autonomía local e a pedir a retirada da Reforma Local do PP aprobada no consello de ministros do venres pasado.

Rubén Pérez considera “extremadamente grave” que segundo recolle esta lei un concello como o de Vigo non poida crear empresas públicas para xestionar a auga, o transporte ou mesmo os servizos sociais máis básicos. Estamos ante un “atentado ao municipalismo progresista” que ten que contar co rexeitamento colectivo do tecido social, sindical e veciñal da cidade.

Para ESQUERDA UNIDA a reforma supón claramente o fin do municipalismo en numerosas vilas de Galicia e do conxunto do estado pretextando falsedades e argumentos falaces como a “redución de costes” ou a “eliminación de duplicidades”. Estamos diante dunha reforma que atenta contra o cerne da democracia representativa e da participativa aquela que ten arraigo nos concellos máis pequenos, consolida a privatización dos servizos públicos municipais e favorece a iniciativa privada desenvolvendo o infumable artigo 105 da Constitución que prima o pago da débeda sobre calquera consideración política e social.

A reforma é mais cousas: a recentralización do funcionariado habilitado estatal, a insuficiencia financieira para a atención social e a desaparición dos servizos públicos de calidade. En definitiva é unha volta à tutela sobre os concellos imposibilitanto políticas públicas de progreso. Literalmente fai imposible a existencia dun Instituto Municipal de Vivenda e  está por ver o futuro da Mancomunidade por exemplo. A reforma respira tutela dunha administración sobre outra. Ignora as competencias autonómicas sobre réxime local e despreza aos Concellos como parte do Estado en pé de igualdade coas demais administracións.

A intervención sobre a obsesión da sustentabilidade financeira percorre todos os aspectos normativos da devandita reforma. Fala de racionalizar a estrutura organizativa cando quere dicir privatizar servizos e entes instrumentais, e recoñece como un dos obxectivos o favorecer a iniciativa económica privada, evitando intervencións administrativas desproporcionadas. Aquí reside a clave de bóveda da reforma: enfraquecemento da democracia local a través da redución das súas competencias, anteposición dos principios financeiros neoliberais sobre calquera outra consideración na xestión municipal, intervención e fortalecemento dunha entidade decimonónica, asociada ao clientelismo e a falta de transparencia e control democrático, como son as Deputacións Provinciais, e privatización dos servizos públicos por esta nos municipios que perdan a titularidade das súas competencias. Chaman profesionalidade e transparencia á eliminación da política no ámbito local.

 

Relacionados