Esquerda unida

Reforma da lei do aborto

Esquerda Unida denuncia que a pretendida reforma da Lei do aborto supón un ataque frontal aos dereitos fundamentais das mulleres. O dereito das mulleres a decidir, é parte fundamental da loita histórica do Movemento Feminista. A traxectoria desta loita no noso país foi longa. En 1985, produciuse unha despenalización parcial e tiveron que pasar 25 anos, tivemos que esperar ata 2010, para unha reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo algo máis avanzada, pero aínda con moitas limitacións.

En Esquerda Unida entendemos que o Goberno de Rajoy non pode nin debe lexislar de costas á realidade, xa que en todas partes do mundo hai abortos, legalizados ou non, e a mellor forma de reducir o número de abortos non é negar o acceso a procedementos legais e seguros ás mulleres, senón recoñecerlles o dereito de controlar a súa fecundidade e de previr os embarazos non desexados. Por tanto, Esquerda Unida mobilizarase activamente en contra de dita reforma restritiva de dereitos e pola defensa dun dereito ao aborto, libre, público, gratuíto e fóra do Código Penal.

Ante tal cúmulo de despropósitos, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción solicitando ao Pleno do Concello a retirada do anteproxecto da lei de protección dos dereitos do concebido e da muller embarazada do Partido Popular. A parte resolutiva da moción é a seguinte:

Primeiro.- Mostrar firmemente o rexeitamento do Anteproxecto de Lei de Protección dos Dereitos do Concibido e da Muller Embarazada aprobado polo Consello de Ministros/as porque restrinxe dereitos fundamentais das mulleres, solicitando a súa retirada inmediata.

Segundo.- O posicionamento a favor de que calquera reforma que se faga sobre Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, estea encamiñada a ampliar os dereitos que son fundamentais e específicos das mulleres, de forma que as mulleres poidan decidir en sobre se queren ou non ser nais.

Terceiro.- Facemos un chamamento, á sociedade no seu conxunto, á mobilización e a denuncia en contra da restritiva reforma do aborto do Partido Popular  e pola defensa dun Dereito ao Aborto, libre, público, gratuíto e fóra do Código Penal.

Cuarto.- Facer público este acordo no municipio a través das vías de comunicación ordinarias de que dispón o Concello.

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou  que as mulleres van ser as vítimas do único compromiso cumprido do programa electoral do Goberno do Partido Popular dirixido a desposuílas da súa liberdade e dereitos a decidir sobre a súa maternidade”.