Reforma das pensións

Dito informe ten entre as súas conclusións unha proposta de desligar as pensións da evolución do IPC e ligalas ás contas da Seguridade Social; propón tamén reducir a pensión inicial pretextando a maior esperanza de vida; e adiantar os prazos de entrada en vigor do alongamento da idade de xubilación, cun novo sistema de cálculo máis lesivo para as persoas traballadoras.

Esquerda Unida denuncia que coa nova reforma das pensións públicas, o PP pretende beneficiar ás entidades financeiras. Estamos a todas luces ante un informe que tenta ampliar o nicho de negocio do capital financeiro e especulativo a costa dese elemento central dos dereitos económicos e sociais que son as pensións públicas. 

A ameaza que verdadeiramente pendura sobre as pensións públicas é a teimuda aplicación dunha política que esgota o crédito, destrúe emprego e devasta os servizos públicos, que xeran benestar e dinamizan a vida económica. É o neoliberalismo o que ameaza as pensións públicas e a cidadanía traballadora. A continuación de políticas desta matriz ideolóxica son as que arruínan o futuro deste país.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o novo sistema de cálculo será máis lesivo para a maioría social, o resultado será dramático pois moitas familias traballadoras susténtanse grazas as pensións dos seus maiores, unha redución suporá a súa condena á exclusión social”. Asemade, hai que recordar que as pensións galegas son as máis baixas do estado. Os datos elaborados pola Seguridade Social en maio deste ano 2013 fixan como media da pensión galega 723.18 euros, e comprendendo os diferentes tipos de prestación (xubilación, incapacidade permanente, viuvedade e orfandade) 649.33 euros. O futuro das nosas vilas e cidades onde máis de 43.000 familias cobran pensións non contributivas tamén está seriamente danado.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes, dentro dunha campaña a nivel nacional, rexistra unha moción para debater no pleno do vindeiro xoves na defensa do modelo público de pensións, porque os concellos galegos teñen que ser un muro de contención ante estas propostas, que rachan un certo consenso conquerido dende os anos 90 tendo en conta que son os e as pensionistas quen, en boa parte, dan alento ao comercio local e, polo tanto, a actividade económica.

A moción na súa parte resolutiva indica:

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno da Xunta de Galicia a rexeitar o informe de expertos por considerarse que racha un consenso social e político en materia de pensións e profundamente antidemocrático.

 

Segundo.- O pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno da Xunta a que reclame do estado o establecemento de medidas alternativas aos recortes de dereitos sociais, especialmente eliminar o tope máximo nas bases de cotización (fixado actualmente en 3.263 euros ao mes) e que desaparezan as bonificacións fiscais aos plans de pensións privados como fórmulas de financiamento do sistema público de pensións.

Terceiro.- O presente acordo será trasladado ao Goberno da Xunta de Galicia, ao Parlamento de Galicia e ao Goberno do Estado

Relacionados