Reforzo escolar no verán

Para que este alumnado alcance o éxito académico, distintas administracións locais organizan programas de reforzo escolar durante a época estival. No Concello da Coruña ditos programas non se están a ofertar e por iso, Esquerda Unida propón ao goberno municipal a instauración de cursos de reforzo escolar gratuítos en verán a fin de evitar e combater o fracaso escolar.

Cabe destacar a importancia dos programas de reforzo escolar, xa que representan unha nova oportunidade para que ninguén se quede atrás e, así, evitar o abandono dos estudos por parte dos estudantes con máis dificultades. Neste senso, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes considera que a mellor política social consiste en investir nunha educación inclusiva que permita avanzar cara unha sociedade máis equitativa.

Así, entendemos que con esta iniciativa se minimiza o impacto socioeconómico e, polo tanto, se aposta pola xustiza social. Do mesmo xeito, creemos que a calidade implica equidade e a equidade implica un trato compensatorio e preferente a determinados colectivos. Hai que ter en conta que moitas familias non se poden permitir o luxo de pagar clases privadas de reforzo aos seus fillos, polo que as administracións teñen o deber de garantir o dereito á educación para que ningún estudante se vexa impedido por motivos económicos.

Na mesma liña, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as clases de reforzo escolar para os meses de verán supoñen un alivio para as economías familiares coruñesas e unha porta aberta cara a creación de novos postos de traballo, nesta iniciativa conxugamos políticas sociais xustas, promoción da sociedade do coñecemento e xeración de emprego apostando por un modelo produtivo afastado do vello e caduco ladrillo e turismo, no que basea o PP a súa acción de goberno dende María Pita”.

En definitiva, pensamos que unha sociedade que se respecte, ten que mirar cara o futuro, e conceder a debida  importancia á educación e a formación, coa seguridade de que delas dependen tanto o benestar como o progreso individual e colectivo. Resulta imprescindible un compromiso firme e estable pola educación

Relacionados