Refuxio Bando

Por desgraza no Concello de Santiago levamos tempo comprobando como unha das medidas municipais que debía ser ferramenta fundamental para este obxectivo, o Refuxio de animais de Bando, está envolto en polémicas que acreditan a necesidade de mellorar a súa xestión.

O Consello Comarcal considera que estas necesarias melloras teñen que vir dende unha titularidade e xestión pública, nunca a través do falso dogma neoliberal da privatización, que coa escusa da eficiencia económica oculta, entre outras cuestións, maiores sacrificios de animais, pois o que interesa é o lucro privado non os dereitos dos animais.

Por suposto, mostramos a nosa preocupación pola mala xestión económica e contable que se está a facer no Refuxio, a cal provoca a devolución de cartos e o pago de xuros, a costa do benestar dos animais abandonados.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esperamos que as verbas da concelleira, María Castelao, sobre a busca dunha alternativa para reducir os custos do servizo, non sexan unha escusa do goberno do PP para levar a cabo unha nefasta e innecesaria privatización, enmascarando a pésima xestión e o inexistente control, por parte dos órganos políticos, do que está a suceder, dende fai anos, no Refuxio.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratificamos que a necesidade real e o obxectivo, que entre todos os colectivos de defensa de animais da cidade debese debater, é o de elaborar un plan global de actuación que acade as solucións que o Refuxio de Bando precisa.

Por iso reclamamos, por ser o seu labor, que o Concello de Santiago leve a cabo as necesarias xestións para abrir unha nova etapa no Refuxio de animais de Bando, procurando unha alternativa ética e eficiente, na que primen os dereitos dos animais sobre os asuntos económicos, e que se fiscalice debidamente a xestión do Refuxio.

 

Relacionados