O Grupo Municipal de EU no concello de Ferrol anunciou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa para que no vindeiro Pleno do concello a Corporación se pronuncie na defensa da legalidade, logo da sentenza do Tribunal Supremo, que declara como nula a modificación do plan xeral da vila de Mugardos, coas consecuencias que se derivan deste fallo firme para o resto das actuacións administrativas dunha planta ILEGAL E PERIGOSA, outrosí de INNECESARIA.
A sentenza firme aparella que a planta ten que pechar para cumprimentar unha legalidade que dá a razón a máis de 60 colectivos e entidades sociais, que sosteñen baixo a coordinación do Comité Cidadá de Emerxencia unha loita de dignidade contra a fachenda dos cartos e a obediencia de demasiados poderes públicos.
Nun tempo de fonda crise económica e social, Reganosa cústanos cada ano uns 60 millóns de euros en subvencións para atender un negocio privado que especula contra a nosa seguridade e fire a riqueza natural da nosa ría.
A moción reclama a fin desta instalación no interior da ría de Ferrol e a constitución dunha COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN do escándalo Reganosa, esa maridaxe espuria que enlaza os intereses do grupo empresarial Tojeiro coas compracencias das autoridades públicas da Xunta.