Regulación dos locais municipais

Os colectivos, organizacións e asociacións da vila de Ponteareas atópanse moitas veces con dificultades á hora de dispoñer dun local público no que realizar as súas actividades. Á vista desta situación, Esquerda Unida rexistrou unha proposta de moción dirixida aos grupos municipais, para regular a información sobre a dispoñibilidade destes locais.

O obxectivo desta moción non é outro que instar ao goberno municipal a elaborar un regulamento para o acceso aos locais públicos que permita aos veciños en todo momento saber se un local en concreto estará ocupado nunha data determinada e evitar arbitriariedades na súa cesión.

Esta regulación debería contemplar ao menos as seguintes cuestións:

1. A xestión dos locais municipais realizaráse nun único posto da administración local para que os interesados/as coñezan a dispoñibilidade dos diferentes locais de forma inmediata.

2. Debe existir un calendario exposto ao público no que se reflicta a dispoñibilidade dos locais municipais.

3. A resposta á solicitude de locais se realizará nun prazo inferior a 5 días naturais.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña que está levando adiante esta organización esixindo unha maior tranparencia no concello de Ponteareas. Así, Esquerda Unida iniciou tamén fai uns días unha recollida de firmas pedindo ao goberno do concello que expoña na súa web os orzamentos municipais.

A transparencia nas cuestións públicas é sempre imprescindible, pero máis aínda cando de entre todo o ruído comunicativo xerado entre o goberno e a oposición local, o único que sacan en claro os veciños é a nefasta política desenrolada pola dereita no  concello en todos estes anos.

Relacionados