Regulamento de bombeiros

O grupo parlamentar esixe que mentres o goberno galego non recupera a xestión directa dos parques privatizado se garanta unhas condicións laborais semellantes as que teñen os que traballan en parques públicos.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a elaborar de xeito urxente o Regulamento do bombeiro para desta maneira homoxeneizar os servizos e a formación deste colectivo de profesionais así como elaborar o plan director dos servizos contra os incendios no que se garanta aos profesionais dos parques de bombeiros privatizados unhas condicións laborais semellantes a aquelas que teñen os seus compañeiros dos parques públicos mentres non se recupere a xestión directa por parte do goberno galego.

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda contempla con fonda preocupación a deixadez no cumprimento das obrigas do goberno galego, que non é quen de dar cumprimento aos mandados legais derivados da aprobación da lei de emerxencias alá no ano 2007. Esta norma aparellou unha serie de obrigas hoxendía aínda desatendidas. Varias son as cuestión que xacen sen resolver, caso do previsto no artigo 46, adicado á formación do persoal, contemplando a elaboración dun plan director dos servizos contra incendios e de salvamento que se redactaría en 6 meses; ou da elaboración dun regulamento do bombeiro, que tiña como prazo un ano logo da aprobación da lei.

A falla de cumprimento da prevista homologación das condicións deste colectivo supoñen unha porta aberta ao clientelismo, a privatización e o deterioro na prestación deste servizo público fundamental para a seguridade da nosa cidadanía.

A causa dos continuados incumprimentos por parte da Xunta de Galicia, o vindeiro 6 de setembro, os traballadores dos diferentes parques de bombeiros privatidados do país irán á folga pola falla de cumprimento das referidas obrigas dun goberno galego, aliado obxectivo ao servizo da cobiza das concesionarias, e que supón para este colectivo profesional unha condena a ter peores condicións que os seus homólogos públicos cando atenden ao mesmo servizo público. Folga que vai no rego das diferentes iniciativas desenvolvidas para facerlle notar ao goberno galego que ten que gobernar para o interese xeral e non para outros intereses.

A Xunta de Galicia descoida os necesarios esforzos por desenvolver un axitado conxunto coordinado e homoxéneo de actividades formativas tanto no que atinxe á formación xeral básica, permanente e de reciclaxe así como da formación de perfeccionamento. A realidade dunha formación moi desigual afecta as capacidades deste Servizo público para prestarse na condicións óptimas.

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega da Esquerda amosou unha vez máis o seu apoio as xustas demandas deste colectivo e as súas iniciativas de mobilización e loita unhas iniciativas que van redundar na consecución dun mellor servizo público neste eido tan importante para a seguridade da nosa cidadanía, que é o que demanda a nosa sociedade.

Relacionados