Xosé Manuel Beiras remite un escrito a Pilar Rojo en que asegura que o seu grupo chegou á Cámara “para traballar a prol non só dos electores de AGE, senón da maioría social deste pobo, a cada pouco máis maltratada”.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2013.- “As normas enumeradas no seu Borrador non teñen os contidos congruentes co enunciado de criterios de ordenación, senón que máis ben constitúen un repertorio de artigos dun regulamento de control, disciplina e sanción de persoas que pretendan acceder a algún recinto de alta seguridade como, por caso, as visitas aos confinados nun centro penitenciario”. Esta é base do criterio de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), expresada nunha carta [vai completa no outro documento anexo] que o seu portavoz, Xosé Manuel Beiras, vén de lle remitir á presidenta do Parlamento, sobre o Borrador de criterio de ordenación do acceso de público ás tribunas confeccionado por Pilar Rojo.
Para Beiras, atender aos documentos da presidencia da Cámara equivalería a aceptar “a priori pór baixo sospeita a cidadáns en pleno exercicio responsábel dos seus dereitos, liberdades e obrigas constitucionais e a asumir como grupo parlamentario funcións de carácter parapolicial”. “E isto”, engade o portavoz de AGE, “é contraditorio coas obrigas e cometidos inherentes á nosa condición de representantes electos dos cidadáns, a cuxa defensa nos comprometemos”. Ademais, lembra Beiras na misiva, Alternativa está na Cámara do Hórreo para “traballar a prol non só dos nosos electores, senón do común cidadán que constitúe a maioría social deste pobo, a cada pouco máis maltratada polos causantes da grave crise económica, social e de valores democráticos”.