Rehabilitación barrio de Recimil

Ademais, AGE pretende que Recimil cumpra unha función de bolsa de vivenda social.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha iniciativa para acadar financiamento público destinado á rehabilitación do barrio ferrolán de Recimil. O grupo parlamentario, a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, propón un convenio das diferentes administracións –concello, Xunta e Goberno central- para, mediante un programa plurianual de investimentos, fornecer de condicións de habitabilidade e de equipamentos ao barrio.

O barrio de Recimil é, na actualidade, de propiedade municipal e forma parte do catálogo de bens protexidos da Consellaría de Educación e Cultura. A súa rehabilitación, en opinión de AGE, podería servir para lanzar un ambicioso programa de vivenda pública de carácter social en aluguer. Así, considera Díaz, facilitaríase o acceso á vivenda dos colectivos sociais que máis dificultades teñen para isto no chamado mercado libre,  atrapado nas prácticas especulativas de construtoras e promotoras. A viceportavoz de Alternativa, Yolanda Díaz, avoga pola rehabilitación do barrio atendendo a criterios sociais, de sustentabilidade e de aforro, que se produce cando se adopta a rehabilitación para actuar no parque de vivenda.

Ademais, Alternativa Galega de Esquerda acredita no valor das políticas de rehabilitación vivenda. “É unha fórmula acaída para atender a tres criterios básicos: o sustentable, dado o moi menor impacto respecto da nova construción”, explica Díaz, “o aforro económico, sexa en aluguer ou en propiedade; e o carácter social da fórmula, ao permitir abaratar o prezo deste ben social para a clase traballadora”.

Relacionados