Remodelación na Gaiteira

Esquerda Unida denuncia a dilapidación de recursos públicos que supón o xeito no que se está a desenvolver a reforma da Gaiteira. O PP, para maior beneficio das empresas, en lugar de facer unha reforma eficiente, austera e sostible como requiren os tempos de crise que estamos a vivir, actúa como os “novos ricos” levantando todo e desfacéndose de todo o mobiliario urbano que ben podería reutilizarse.

Por outra banda, como o goberno municipal so ten a mente posta no lucrativo sector da  construción, so pensa na obra en si, sen pararse en pensar nas consecuencias que esta pode ter sobre a actividade económica do barrio. Así segundo comunica a veciñanza, nunha xuntanza mantida coa AVV. Oza-Gaiteira-Os Castros, o PP fixo caso omiso ás recomendacións para non afectar a actividade comercial, especialmente no verán.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera un despropósito gastar 7500€ nun farol, 1000€ nun banco ou 1800 nunha maceta, cando este barrio ten necesidades moito máis prioritarias que están a ser desatendidas, como é o caso da precaria situación das súas instalación deportivas, na imperiosa necesidade dunha Escola Infantil, dun centro de día para as persoas maiores ou dun comedor social que asegure o dereito a unha alimentación digna para toda á veciñanza do barrio.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal está a demostrar que goberna de costas á realidade e dás necesidades da veciñanza, a súa máxima é gastar en ladrillo e formigón sen criterio para contratar a dedo as súas empresas amigas”.

Por outra banda, César Santiso subliñou que “o goberno municipal está aínda a tempo de dar a coñecer a totalidade do proxecto á veciñanza, dado que existen moitos claro-escuros nos orzamentos desta remodelación“.

Relacionados