Remunicipalizar Emafesa

Segundo o voceiro do grupo municipal de EU : a auga non pode ser considerada unha mercadoría, onde os termos perda/beneficio xoguen un papel determinante e repercutan no prezo dun ben indispensable

A figura de ficción de conservar o 51% do accionariado na propiedade municipal, non pasa de ser un paradoxo rocambolesco, xa que logo, a xestión e o servizo dependen en exclusiva da empresa privada que, ante as constantes perdas, opta, ou ben por subir os prezos, ou ben por reducir os salarios dos seus empregados/as, ou incluso por tratar de acceder a subvencións que restan capacidade de investimento ás institucións, e o acceso ás mesmas doutros cidadáns e cidadás.

Esquerda Unida considera inasumible socializar as perdas dunha empresa privada (de mixta non ten máis que o nome) e, insta ao Concello a remunicipalizar o servizo, en aras a un servizo sustentable e de calidade, no que o beneficio puramente económico quede apartado do cerne do dereito humano do acceso asequible  e aceptable á auga.

EU non desbota volver a rúa a tratar de impoñer pola vía dos feitos o que o goberno de José Manuel Rey Varela nega o que por dereito corresponde á cidadanía: unha democracia participativa e, así, tratar de activar a idea dunha consulta popular acerca da reversión da concesión da auga a intereses privados, convencidos de que unha xestión pública cun fin social vai mellorar sustancialmente a calidade deste servizo público, e non seguir a tendencia do goberno municipal que, seguindo os seus propios principios, vai privatizar o saneamento completo financiado co erario público e repercutir o seu custo nas tarifas dos ferroláns.

Esta tendencia de revertir a concesión da auga non é nova, senón que se está a impoñer nas sociedades máis avanzadas e democráticas, recomendada por expertos e organizacións internacionais.

Relacionados