Remunicipalización da auga

As constantes perdas económicas e mala xestión de Emafesa poñen en cuestión a continuidade da empresa concesionaria, e veñen a por de manifesto a reivindicación que Esquerda Unida ven sostendo hai anos: a auga non pode ser considerada unha mercadoría, onde os termos perda/beneficio xoguen un papel determinante e repercutan no prezo dun ben indispensable e nas condicións laborais dos traballadores/as da empresa. Hai que recordar que as perdas recoñecidas nun primeiro borrador por Emafesa eran de 255.000 euros, que descenderon a 80.000 euros tras pasar ese documento polas mans do concelleiro de economía Langtry.

Como ven recoñecido en diversas resolucións das Nacións Unidas(como a resolución 64/292 de 2010), o acceso á auga e un dereito humano e, polo tanto, debe estar fóra das leis do mercado. A figura de ficción de conservar o 51% do accionariado na propiedade municipal, non pasa de ser un paradoxo rocambolesco, xa que logo, a xestión e o servizo dependen en exclusiva da empresa privada que, ante as constantes perdas, opta, ou ben por subir os prezos, ou ben por reducir os salarios dos seus empregados/as, ou incluso por tratar de acceder a subvencións que restan capacidade de investimento ás institucións, e o acceso ás mesmas doutros cidadáns e cidadás.

Esquerda Unida considera inasumible socializar as perdas dunha empresa privada (de mixta non ten máis que o nome) e, insta ao Concello a remunicipalizar o servizo, en aras a un servizo sustentable e de calidade, no que o beneficio puramente económico quede apartado do cerne do dereito humano do acceso asequible e aceptable á auga.

EU non desbota volver a rúa a tratar de impoñer pola vía dos feitos o que o goberno de José Manuel Rey Varela nega o que por dereito corresponde á cidadanía: unha democracia participativa e, así, tratar de activar a idea dunha consulta popular acerca da reversión da concesión da auga a intereses privados, convencidos de que unha xestión pública cun fin social vai mellorar sustancialmente a calidade deste servizo público.

Esta tendencia de revertir a concesión da auga non é nova, senón que se está a impoñer nas sociedades máis avanzadas e democráticas, recomendada por expertos e organizacións internacionais. Para ilustrar esta opción políticosocial, Esquerda Unida, dentro do ciclo de conferencias “A vida como negocio”, organizará o próximo día 31 de maio na súa sede unha conferencia de título “A privatización da auga: dereito ou mercadoría?” impartida polo enxeñeiro Guillermo Botello da Rede de Auga Pública e membro de Enxeñeiros sen fronteiras .

Relacionados